A Deputación fará un cribado á metade do seu persoal a semana que vén
A Deputación de Lugo someterá a un cribado ao 50% do seu persoal á volta de Semana Santa, unha medida que adopta no marco dos protocolos propios para seguir extremando a prevención contra a covid e protexer a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras tras o período de vacacións. As probas realizaranse durante a semana do 5 ao 9 de abril nos corredores do salón de plenos, que serán adaptados para que se efectúe o cribado coas máximas garantías sanitarias.
O cribado, explican, farase co obxectivo da detección precoz do virus mediante test rápidos de antíxenos con mostra de saliva e, no caso de resultar positivo, confirmarase cunha PCR. O persoal será citado previamente dende o servizo de Prevención, facéndose unha selección e repartindo equitativamente a porcentaxe de participación. Este tipo de cribado permite ter o resultado o mesmo día no que se realiza a proba, só uns minutos despois da recollida da mostra.
A realización das probas súmase ás medidas preventivas que a Deputación vén adoptando ante a covid dende o inicio da pandemia, adaptadas a cada momento da evolución da crise sanitaria. Nas dependencias provinciais, explican, seguiranse extremando as medidas xerais de prevención, coa ventilación das oficinas, gardando a distancia de seguridade e mantendo o uso obrigatorio de máscara en todo momento.