A Deputación felicita aos novos graduados en Relacións Laborais
O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, participou onte na graduación do estudantado da décimo segunda promoción do Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos que tivo lugar no Salón de Actos da Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo. O Deputado felicitou aos alumnos e alumnas por completar a súa formación, “moi especialmente no caso dunha promoción coma esta, que sufriu o impacto da Covid”, así como ás familias e ao profesorado.
Arias recordou que a pandemia impediu a normal asistencia ás aulas pero “non interrompeu a formación nin baixou a súa calidade, algo que foi posible gracias ó esforzo e á capacidade que demostrou a comunidade educativa para adaptarse”.
O Deputado lembrou que a institución provincial achega 175.000€ á Fundación Campus Universitario de Lugo para facer posible o funcionamento da Escola de Relacións Laborais, unha axuda que se enmarca dentro da constante colaboración da institución provincial coa Universidade de Santiago dende a propia creación do Campus de Lugo.