A Deputación festexará o Día do Cine Español con proxeccións en San Marcos
A Deputación de Lugo festexará este venres, 6 de outubro, o Día do Cinema Español con proxeccións gratuítas e abertas ao público durante todo o día no Pazo de San Marcos. A institución provincial súmase así á programación para este día do Ministerio de Cultura e Deporte que, a través do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), mobiliza ás deputacións e concellos de todo o país para reivindicar de maneira colectiva o peso e a importancia do cine como patrimonio cultural e xerador dunha identidade e imaxinario comúns, ademais de emprego e actividade económica.
Proxectaranse tres películas da Filmoteca Española: Embrujo, Valentina e Las Niñas, ademais de audiovisuais realizados polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo como recreacións de secuencias de cine español, documentais sobre o mundo do cine, ou producións propias.
O obxectivo desta homenaxe ao cine é recoñecer o papel das e dos cineastas e a súa influencia e importancia na vida cultural, social e económica do país, así como o valor patrimonial do cine. A data elixida, este 6 de outubro, correspóndese co día oficial do final da produción de Esa pareja feliz (1953).
Talento lucense
Nas proxeccións que fará a Deputación neste día dáselle moito peso ao talento do alumnado do Centro de Formación Audiovisual. No curso pasado realizaron dúas importantes producións: Amor Viaxeiro e No se oye, que foron aclamadas pola crítica. Cabe destacar que Amor Viaxeiro vén de ser galardoada como a Mellor Película Lucense na 45ª Semana do Cine de Lugo, ademais de resultar premiada por Netflix e Turespaña; e No se oye resultou gañadora á mellor curta documental no Festival Internacional de Cine de Ponferrada.
Ademais, verase a película Valentina, dirixida pola galega Chelo Loureiro e que conta co Premio Goya á Mellor Película de Animación en 2021. Outro bo exemplo de que en Galicia e na provincia de Lugo existe unha boa canteira de profesionais do mundo audiovisual.
A Deputación co audiovisual
A Deputación de Lugo mantén un firme compromiso co sector audiovisual, pois conta co único centro de formación público da provincia neste eido. Así, o alumnado do Centro de Formación Audiovisual nutriu ao sector de talento, con persoas que hoxe teñen un gran renome na industria cinematográfica.
Así mesmo, a institución provincial céntrase dende hai anos en desenvolver as potencialidades que ten a provincia para o sector audiovisual pola gran diversidade de localizacións que ofrece e aproveitar ese impacto para impulsar o turismo. Son moitas as colaboracións que a entidade leva facendo nos últimos anos para favorecer a proxección do territorio a través do mundo do cinema e das producións audiovisuais. Entre estas colaboracións, destacan películas como O que arde de Óliver Laxe ou La sombra de la Ley de Dani de la Torre. Este director tamén apostou pola provincia para o seu último traballo, Live is life, coa que tamén se implicou a Deputación, ao igual que noutras producións feitas na provincia, como a serie da plataforma Netflix O sabor das margaridas, a película Longa noite de Eloy Enciso, Dhogs de Andrés Goteira, ou Arima de Jaione Camborda.
A Deputación tamén colaborou con outras series como El desorden que dejas da plataforma Amazon Prime Video, e 3 Caminos; ou promocionais con grande repercusión social como Vivamos como galegos.
Froito destas colaboracións, materializadas a través da área provincial de Promoción do Territorio e Turismo e da Film Comission, a institución contribuíu á promoción a nivel mundial de paisaxes como as dos Ancares, da Ribeira Sacra ou da praia das Catedrais, e bens patrimoniais como a Muralla Romana de Lugo, a cidade de Mondoñedo ou as rutas xacobeas. Unha maneira activa de crear industria e emprego, fomentar a cultura e o uso da lingua galega e de impulsar un turismo de calidade, sostible e sen masificacións.
Programación
- 11:15 Apertura do acto
- 11:30 Embrujo
- 12:45 Secuencias do alumnado: El año de la garrapata e El autor
- 12:50 No se oye
- 13:20 Secuencias do alumnado: Amanece que no es poco e Promoción fantasma
- 13:25 Amor viaxeiro
- 13:35 Secuencias do alumnado: Tesis 1, Magical girl 1
- 13:40 Noso zinema
- 14:30 Secuencias do alumnado: XXL, Paquita Salas, Crimen ferpecto, A cambio de nada, Tesis 2, Magical girl 2
- 14:50 No se oye
- 15:20 Amor viaxeiro
- 15:25 Back to the TIC
- 16:00 Las niñas
- 17:40 Valentina