A Deputación firmará un convenio cos concellos para a súa dixitalización

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación irá da man dos concellos para inxectar os 4M€ de fondos europeos que captou para a dixitalización da administración local
Pazo San Marcos Lugo
24 Jun 2023

A Xunta de Goberno aprobou un texto tipo para que os concellos da provincia se adhiran co fin de poder participar nas accións que implican inxectar 4 millóns de euros para o desenvolvemento tecnolóxico.

A Xunta de Goberno en funcións da Deputación de Lugo aprobou este venres un convenio tipo para que os concellos da provincia se adhiran co fin de poder participar nas accións que a institución vai desenvolver grazas aos 4M€ que captou de fondos europeos para avanzar na dixitalización da administración local. Así o anunciou a voceira socialista en funcións do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou os acordos adoptados na reunión desta semana.

“Dende a Deputación temos feita unha análise inicial sobre cales son as liñas sobre as que traballar, pero queremos que os propios concellos manifesten as súas prioridades máis inmediatas en materia de dixitalización”, detallou a Deputada. Para iso, explicou que se desprazará persoal técnico aos diferentes municipios para coñecer da súa man o punto de partida que hai en cada un deles para logo poder darlle resposta cos fondos que cheguen, “que serán repartidos dun xeito moi semellante a como o facemos co Plan Único, é dicir, en base a criterios obxectivos”, concretou García Porto.

Nas súas palabras explicou que esta maneira de traballar servirá para “ser máis eficientes á hora de executar os fondos para lograr que os nosos concellos estean á vangarda tecnolóxica. Se algo nos caracteriza nesta Deputación é que sempre estamos ao carón dos concellos, respondendo a esa función esencial de actuar como o Concello dos Concellos”.

No marco deste proxecto, desenvolveranse, entre outras, actuacións para integrar a administración electrónica dos concellos cos servizos da Administración Xeral do Estado, implantar postos de traballo intelixentes que permitan mellorar a resiliencia dos municipios, crear oficinas de asistencia en materia de rexistro, implantar un sistema de gravación nos plenos dos concellos da provincia, ou mellorar a accesibilidade das páxinas webs municipais, aumentando así a transparencia dos concellos.

Estabilización de 39 prazas

Nesta Xunta de Goberno tamén quedou aprobado o nomeamento das persoas que, logo do proceso de concurso, van cubrir 39 prazas que se estabilizan en diferentes áreas da Deputación. Van desenvolver o seu traballo en postos moi diversos, como vixilante, obreiro, técnico de xestión, capataz, oficial de servizos múltiples, oficial ebanista, profesor de taller, animador de rutas turísticas, auxiliar de relacións institucionais, dinamizador cultural, enxeñeiro ou técnico de mantemento industrial. Agora estes nomeamentos sairán publicados no Boletín Oficial da Provincia e posteriormente farase a toma de posesión.

García Porto avanzou que este é un primeiro lote de prazas que se estabilizan por concurso, faltaría outro lote por concurso e tamén as que se estabilizan polo sistema de concurso-oposición. “Estes procesos facémolos seguindo o obxectivo de reducir a temporalidade no emprego público, segundo o establecido na Lei 20/2021, do 28 de decembro, impulsada polo Goberno do Estado. Unha Lei moi importante do Goberno central con medidas que camiñan cara un novo marco normativo que acabe coa alta taxa de temporalidade, e sobre o que sustentar un novo modelo de relacións laborais máis xusto e eficaz”.

Así mesmo, a Deputada informou de que tamén se adxudicou hoxe o contrato para a prestación do servizo de seguridade e vixilancia dos distintos edificios e dependencias da Deputación. A empresa que resultou adxudicataria é Ilunion SA por case 3M€ para a prestación deste servizo por dous anos, con posibilidade de realizar dúas prórrogas de 1 ano cada unha.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17769289016724