A Deputación impulsa dous convenios para fortalecer o tecido produtivo

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investir preto de 100.000€ para fortalecer o tecido produtivo da provincia a través de diferentes acordos. A Voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, deu conta esta mañá dos dous convenios que se sacaron adiante na sesión semanal coa Federación Galega de Comercio e coa Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU) respectivamente.
Dunha banda, explicou que a Deputación de Lugo achegará 50.000€ aos comerciantes da provincia para poñer á disposición dos consumidores de comercio de proximidade, 90 bonos por importe de 250€ cada un, para facilitar a volta ao cole este curso.
Unha iniciativa da que, segundo avanzou García Porto, “daremos conta con detalle a finais do mes de agosto, e que ten como obxectivo financiar unha actividade que dinamiza a economía da provincia, fortalecendo ao tecido comercial e potenciando a participación dos consumidores. Axudando ademais a moitas familias nunha época difícil polo volume de gasto”.
Ademais a Xunta de Goberno deu luz verde a un convenio con AELU para colaborar nos gastos do programa Galatea. Explicou a Deputada que esta actuación contará cunha achega da Deputación de 40.000€ e que a través da cal “ofreceremos asesoramento en cuestións de marca persoal, comunicación dixital, planificación financeira, conciliación e xestión do tempo ou asesoramento xurídico-fiscal; e tamén formacións relacionadas co mundo dixital e a comunicación, coaching empresarial, xestión do estrés ou creatividade”.
Está previsto chegar a unhas 70 mulleres da provincia a partir do mes de setembro, nunha iniciativa que se prolongará ata finais de ano.
Resolución provisional das axudas para as Reservas
Aprobada tamén a resolución provisión da concesión das diferentes liñas de axudas nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. Concretamente, a institución provincial puxo a disposición de entidades e colectivos sen ánimo de lucro que traballan por estes territorios 340.000€.
Dunha banda, a Deputación resolveu sobre as solicitudes da nova liña de axudas que sacou este ano a institución provincial para financiar investimentos que promovan a posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios e que estaba dotada con 150.000€. “Recibimos un total de 11 solicitudes en Terras do Miño e 7 nos Ancares Lucenses. E foron concedidas o 100% das axudas en ambos territorios”, informou Pilar García Porto.
Os solicitantes recibirán unha contía de entre 2.000 e 12.000€ para a reposición de sendas e camiños; a conservación de elementos culturais e etnográficos como hórreos, pallozas ou muíños; proxectos que promovan a información e a divulgación do patrimonio das Reservas como páxinas webs ou aplicacións; ou iniciativas para o fomento de emprego e a produción local tradicional.
Por outra banda, quedaron tamén resoltas, de xeito provisional, as solicitudes da liña de axudas “que leva anos funcionando moi ben” destinada a financiar as actividades impulsadas por estas entidades. “Recibimos un total de 33 solicitudes en Terras do Miño e 16 nos Ancares Lucenses. Foron concedidas o 100% das recibidas nos Ancares e 31 das 33 de Terras do Miño”. Explicou a Deputada que as dúas desestimadas foron porque o ámbito de actuación de unha delas non se correspondía cos concellos que integran a Reserva; e a outra porque o importe da subvención a conceder era menor do mínimo establecido na convocatoria.
Neste caso os solicitantes recibirán entre 1.000 e 7.000€ por proxecto. “Como sabedes, este ano decidimos subir o seu orzamento conxunto desta liña de axudas nun 72% ata os 190.000€”.
O PP reclama que a roza nas estradas estea aínda sen rematar
“O goberno provincial de PSOE e BNG prometera rematar os traballos de desbroce das marxes das vías da Deputación a finais de xullo, pero a día 1 de agosto quedan estradas sen rozar”, segundo explica o portavoz popular, Antonio Ameijide. De feito, “así o recoñeceu o propio presidente, José Tomé, no último pleno”.
Con todo, os populares condenan as palabras de Tomé por dicir que “non sabía se quedaba algo por aí solto” cando “a realidade é que nas estradas provinciais dalgúns concellos aínda non remataron e noutros municipios non levan nin a metade”. É dicir, “falta máis do que o goberno provincial asegura”.
Así, “faltan vías por acondicionar”, por exemplo, en Monterroso -mentres que no concello veciño de Antas de Ulla están os traballos de roza das vías provinciais rematados, a maleza chega ás mesmas casas dos veciños do lugar monterrosino de Vilanova-. Tamén en Muras e Folgoso do Courel -ambos coa maior parte das estradas sen desbrozar-; Castro de Rei, Friol ou Riotorto onde estes traballos aínda están, aproximadamente, ao 50%; ou en Trabada -coas marxes da LU-P-6102 aínda por desbrozar-.
Ameijide fai fincapé na necesidade de desbrozar as marxes das estradas da Deputación que son “as principais vías de comunicación entre os distintos núcleos de poboación” e que polo verán rexistran un maior tráfico; xa sexa polas tarefas do campo propias desta época e que supoñen un volume importante de desprazamentos con maquinaria agrícola ou pola chegada de visitantes á nosa provincia”.
Do contrario, “a vexetación e maleza invade non só as cunetas, senón incluso parte da calzada diminuíndo o espazo para a circulación dos vehículos e dificultando a visibilidade dos condutores e usuarios”. Hai que ter en conta que hai casos de vías provinciais co asfalto en mal estado, cun trazado estreito e moitas curvas ou que discorren por lugares onde a néboa é habitual e, polo tanto, as condicións son cada vez máis adversas.