A Deputación impulsa o turismo dos Ancares cunha guía de experiencias

LugoXa
A Deputación de Lugo impulsa o turismo dos Ancares e Terras de Burón coa edición dunha guía de experiencias.
jose tome reunion ancares
10 Jul 2021

O pasado xoves na Fonsagrada, no salón de actos dos Chaos, levouse a cabo a presentación da campaña turística Déixate Marabillar! Ven a Ancares Terras de Burón, organizada por este Xeodestino.

A iniciativa inclúe unha guía de experiencias, que imprimiu a institución provincial, na que se recompila a oferta de recursos de turismo e hostalería dos 10 concellos deste territorio: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín.

A guía, da que a Deputación imprimiu uns 300 exemplares, estará a disposición da veciñanza e dos visitantes no local do GDR, nas casas dos concellos e na oficina de turismo da Fonsagrada.

José Tomé apuntou que esta é unha iniciativa “dirixida a promocionar a oferta turística dos Ancares e de Terras de Burón e, desta forma, seguir consolidando este territorio como un xeodestino con personalidade e con entidade propias”. 

O presidente sinalou que esta iniciativa cumpre un dobre obxectivo: “axudar á recuperación da economía, sobre todo dos sectores máis afectados pola crise da Covid, como o turismo, a hostalería e o comercio local; e, por outra banda, un obxectivo máis a medio e longo prazo, que consiste en consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible e de experiencias como unha vía de desenvolvemento para a nosa provincia. Un modelo de turismo totalmente adaptado ó que demanda a sociedade co paso da pandemia porque, polas súas propias características, evita as masificacións e busca a experiencia persoal, o desfrute tranquilo dunha ruta personalizada ó gusto do visitante”.

0.16569900512695