A Deputación impulsa un Plan de Sostibilidade Turística para a comarca da Ulloa

LugoXa
Un Plan de Sostibilidade Turística para conseguir 1,5M€ de investimento dedicado aos concellos de Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla
palas de rei castelo pambre
5 Mar 2023

Un Plan de Sostibilidade Turística en Destino para a comarca da Ulloa será o ambicioso proxecto co que a Deputación de Lugo aspira a conseguir 1,5M€ para investir nos concellos de Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla concorrendo aos fondos mobilizados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para mellorar e diversificar o sector turístico de acordo cos obxectivos da Axenda 2030 segundo anuncio o presindente José Tomé Roca, acompañado da deputada Pilar Garcia Porto.

O mandatario provincial presentou o plan nun acto público organizado pola Deputación no Castelo de Pambre ante representantes dos concellos e do tecido social, cultural e económico da comarca da Ulloa. O proxecto inclúe “un amplo paquete de accións dirixidas a reforzar o turismo como un sector que crea riqueza e emprego, e que polo tanto, contribúe a fixar poboación no noso rural. Un obxectivo ao que estamos totalmente dedicados na Deputación”.

José Tomé enmarcou a decisión de presentar este Plan de Sostibilidade Turística en Destino, “primeiro polo compromiso firme que mantemos dende a Deputación coa comarca da Ulloa, e tamén porque, dentro do proxecto que temos para o conxunto da provincia, marcamos como prioridade o apoio aos sectores produtivos, nomeadamente ao sector primario e ao turismo”.

O presidente destacou que A Ulloa “ten unha identidade propia, ben diferenciada. É unha fermosa terra de xente acolledora e emprendedora, cun rico patrimonio natural, monumental e etnográfico, e cunha gastronomía que son testemuñas da súa historia e, ao mesmo tempo, elementos clave cos que deseñar o futuro”, un “gran potencial do que estamos convencidos na Deputación”, motivo polo que esta comarca “está tendo un peso específico na nosa xestión, sobre todo nestes últimos catro anos”.

Neste sentido, recalcou que a institución provincial está envorcando “importantes recursos económicos na Ulloa, dentro das posibilidades orzamentarias que ten a Deputación”, como demostra que neste mandato dedicou preto de 9M€ a “actuacións que melloran os servizos públicos e as infraestruturas de Palas de Rei, de Monterroso e de Antas de Ulla”. Ademais, lembrou, a Deputación ten en marcha “un proxecto de referencia, xa non só a nivel provincial e galego, senón nacional, como é o Parque Central de Galicia. Un espazo público co que poñemos en valor o centro de xeográfico de Galicia, e que precisamente está dirixido a dinamizar o lecer dos veciños e a economía da comarca a través da promoción do territorio e do turismo”.

Agora, con este Plan de Sostibilidade Turística, “damos un paso máis, moi importante, co que reforzamos o compromiso que mantemos con esta comarca”, incidiu o Presidente.

O Plan de Sostibilidade Turística da Ulloa está impulsado pola Deputación, pero o obxectivo é que sexa un proxecto colectivo, tal e como resaltou o presidente, quen, neste sentido, explicou que houbo unha ampla participación nas enquisas que se fixeron para elaborar as propostas do plan, e a resposta ás cartas de apoio solicitadas ós concellos e ao tecido asociativo para poder presentar a candidatura “foi excepcional”, algo que agradeceu de xeito expreso.

O Plan contará cun paquete de medidas e actuacións que buscan enxalzar o destino turístico apostando polo benestar, o patrimonio e a gastronomía. Entre as accións, contémplase a creación de áreas de interpretación medioambientais, accións de sensibilización sobre os ecosistemas do territorio e a execución dun programa de plantación de árbores autóctonas en colaboración con diferentes entidades educativas, sociais, culturais, veciñais e medioambientais.

Tamén se inclúe a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos; a creación e adecuación de camiños ciclables, peonís e sendeiros pola comarca tanto no Parque Central de Galicia como que leven a este espazo; actuacións de iluminación en monumentos; edición de material divulgativo e impulso da promoción por diferentes canais; aposta pola realización de experiencias en realidade aumentada ou a certificación de sostibilidade para establecementos de hostalería, ademais de formación en competencias dixitais ás persoas que traballen neste sector.

Recóllese a creación dunha oficina de turismo virtual, a aposta pola creación de experiencias turísticas de diferentes temáticas, ou a recuperación do patrimonio cultural para o seu uso turístico de San Salvador de Vilar de Donas, entre moitas outras iniciativas.

0.087146997451782