A Deputación investirá 1M€ nos 29 concellos das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación consigue 1M€ de fondos europeos para investir nos 29 concellos que integran as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares
reservas biosfera exposicion
21 sep 2022

A institución provincial logrou a totalidade do orzamento solicitado, co que acometerá 27 medidas, xa definidas, para impulsar o desenvolvemento social e económico destes territorios protexidos pola Unesco.

A Deputación de Lugo logrou captar 1M€ de fondos europeos para investir nos 29 concellos da provincia que integran as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

A institución provincial conseguiu a totalidade do orzamento solicitado, co que acometerá 27 medidas, xa definidas, para impulsar o desenvolvemento social e económico sostible destes territorios protexidos pola UNESCO. O recursos proceden do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia habilitado polo Goberno do Estado.

A Voceira socialista do Goberno anunciou esta concesión de fondos, cuxa aceptación xa foi aprobada pola Xunta de Goberno. Grazas a estes recursos “fortalecemos a nosa acción política para impulsar o rural e o sector primario e turístico dunha maneira sostible, axustándonos aos criterios da UNESCO establecidos no seu Programa sobre o Home e Biosfera, que conxuga a necesaria preservación dos entornos naturais co desenvolvemento social e económico do territorio”.

Terras do Miño

En concreto, a Deputación recibirá máis de 610.000€ para investir entre este ano e o vindeiro 2023 en distintas actuacións na Reserva da Biosfera Terras do Miño, da que forman parte os concellos de Ourol, Alfoz, O Valadouro, Mondoñedo, Abadín, A Pastoriza, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba, Xermade, Meira, Pol, Riotorto, Castroverde, Friol, Guntín, Lugo, O Corgo,  Outeiro de Rei, Rábade, Baralla, Láncara e O Páramo.

Neste caso, os proxectos para os que a institución provincial solicitou os fondos europeos céntranse principalmente na conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais con melloras e a eliminación de especies invasoras. Os recursos irán destinados a melloras na contorna da Lagoa de Caque, das Ínsusas do Miño, dos Ollos de Begonte e tamén en diferentes tramos dos ríos.

Tamén se inclúe o deseño e execución dun proxecto museolóxico e museográfico no Mazo de Santa Comba, para mellora da cartelería e a instalación de novos paneis, ademais da reparación dos solos e muros, cun orzamento aproximado de preto de 90.000€.

Os Ancares Lucenses

En canto á Reserva da Biosfera dos Ancares, a Deputación percibirá preto de 430.000€ para desenvolver entre este ano e o vindeiro iniciativas que afectarán aos tres concellos que forman parte deste espazo: Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá.

Entre as actuacións que impulsará a institución, destaca a mellora do teitado das pallozas do Piornedo, en Cervantes, con palla de centeo, á que a institución provincial destinará 91.000€. Tamén desenvolverá un proxecto de mellora dos doutos dos Ancares, co que dará continuidade ao programa de recuperación e posta en valor de plantacións de castaños da Reserva que foi premiado na Copa España Creativa. Serán máis de 200.000€ para desenvolver traballos nos montes comunais de Vilaver, Donís e Moreira, en Cervantes, e de Vilor, en Navia de Suarna.

Así mesmo, a Deputación dará os pasos necesarios para acadar a certificación Starlight para o territorio da Reserva da Biosfera dos Ancares, un recoñecemento que busca a protección do ceo nocturno, a difusión cultural da astronomía e o desenvolvemento económico sostible local a través do astroturismo.

Está contemplada ademais a mellora da sinalización de patrimonio cultural e recursos turísticos, como a Vía Romana XIX, o Castro de Santa María, en Becerreá, ou as Mámoas de Oural, Pena dos Mouros ou de Restelo, entre outros.

Entre os proxectos que a Deputación de Lugo levará a cabo grazas a esta convocatoria de fondos europeos destaca tamén un campus de emprendemento sostible para centros educativos e campus en aberto nas dúas Reservas da Biosfera coa finalidade de coñecer estes espazos naturais xestionados pola institución provincial.

A Deputación leva meses traballando da man dos concellos e do tecido produtivo  para acceder a estes recursos, que percibiu dos fondos da Unión Europea destinados a Galicia especificamente para estes espazos naturais a través do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia. De feito, a principios de ano o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, reuníase cos concellos e ás entidades asentadas en ambos territorios para abordar as características, condicións e requisitos necesarios para concorrer a estas liñas de axuda.

0.20873093605042