A Deputación investirá 360.000 euros na mellora de dotacións e infraestruturas de Lugo
A Deputación de Lugo aproba investir 360.000 euros na mellora de dotacións, infraestruturas e dinamizar a economía da provincia.
“Continuamos licitando obras do primeiro paquete de actuacións do Plan de Melloras nas estradas provinciais”, anunciou Pablo Rivera Capón en materia de mobilidade.
Lembrou que se trata dunha medida que “servirá para acometer máis de 80 proxectos na rede de vías de titularidade provincial cos que se mellorarán 280 quilómetros por un importe de 12 millóns de euros”. Nese sentido, avanzou que quedaron licitados os traballos para acondicionar un tramo de 2,8 quilómetros da LU-P-0505, que é a estrada que conecta na parroquia de Piedrafita de Camporredondo os núcleos de Camporredondo e Biduedo.
Ademais, a Deputación investirá máis de 75.000 euros para un proxecto que consistirá na reapertura das cunetas, limpeza das obras de drenaxe, reparación de desperfectos no firme, repavimentación e sinalización vertical, substituíndo ademais as sinais con danos.
“Esta é unha actuación importante para A Montaña, polo que sempre dicimos do que aporta a mobilidade ao equilibrio territorial. Porque se trata de mellorar a estrada máis rápida e directa coa que contan os veciños e veciñas destas dúas entidades de poboación para comunicarse entre si”, valorou Rivera Capón.