A Deputación investirá nas Reservas da Biosfera 340.000 euros

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres unha nova edición das axudas dirixidas ao tecido asociativo das Reservas da Biosfera Terras de Miño e Os Ancares Lucenses. A institución provincial destinará 340.000€ a entidades sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade nestes territorios, a través de diferentes convocatorias. Así o deu a coñecer o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a reunión semanal.
Rivera Capón explicou que estas axudas enmárcanse no compromiso da Deputación coa conservación e dinamización socioeconómica das Reservas da Biosfera e que se convocarán dúas liñas de axudas para investimentos e outras dúas para actividades, como xa se fixo o pasado ano.
As accións encamiñadas a promover a posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios contarán cun orzamento total de 150.000€: 100.000€ para repartir en proxectos que se enmarquen en Terras do Miño e outros 50.000€ para iniciativas que se desenvolvan nos Ancares. Os solicitantes poderán recibir unha achega económica de entre 2.000 e 12.000€ - con posibilidade de anticipo de ata o 50%- para destinar á reposición de sendas e camiños; conservación de elementos culturais e etnográficos como hórreos, pallozas ou muíños; proxectos que promovan a divulgación do patrimonio das Reservas; ou para fomentar o emprego e a produción local tradicional.
As actividades relacionadas co lecer saudable e a educación ambiental contarán un ano máis cun total de 190.000€: 120.000€ a repartir entre os colectivos que propoñan iniciativas no marco das Terras do Miño; e outros 70.000€ para propostas que teñan lugar nos Ancares Lucenses. Os solicitantes poderán pedir, novamente, entre 1.000€ e 7.000€ por cada proxecto.
O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles desde o día seguinte á publicación das axudas no Boletín Oficial da Provincia, prevista para despois da Semana Santa.