A Deputación inviste na mellora dun local social en Carballido, Alfoz
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, asinou dous convenios de colaboración que teñen como obxectivo mellorar as infraestruturas no Concello de Alfoz por un total de máis de 130.000 euros.
Por un lado, Tomé Roca asinou un convenio de colaboración co presidente da asociación de veciños San Sebastián de Carballido de Alfoz, Jesús Paz Pumares, coa finalidade de axudar a mellorar o local social do colectivo. Esta axuda ascende a 16.645 euros para reparar a cuberta e as escaleiras que comunican a planta baixa co primeiro andar.
“Esta colaboración dá mostra do pegada que está a Deputación aos concellos e tamén ao tecido asociativo de moi diversa índole. Neste caso, trátase dunha asociación de veciños dunha parroquia pequena de Alfoz, pero que está moi pegada á veciñanza e que se mantén activa. Cónstame que moitas das persoas que forman parte do colectivo son xente nova, que son o futuro da provincia, e as institucións deben estar do lado destas persoas que se involucran con impulsar o rural e recuperar accións e festas que fagan comunidade”.
Por outro lado, o mandatario provincial asinou un convenio co alcalde de Alfoz, Jorge Val, para axudar a financiar a construción dunha nova nave de almacén de maquinaria municipal cunha achega provincial de 115.300 euros e 4.435 euros da achega municipal. Esta nave instalarase na Granda de San Pedro, xunto á piscina municipal, o colexio e a casa consistorial. “Na actualidade este municipio non conta cunhas instalacións que permitan gardar a maquinaria en boas condicións para protexelas da intemperie e evitar posibles roubos, que xa se teñen producido”, subliña Tomé Roca.
Construirase unha nave de 350 m2, completamente diáfana que dará cabida a 2 tractores desbrozadora, 1 motobomba, 1 pala mixta, 1 camión grúa pequeno e 1 vehículo todoterreo.