A Deputación inviste no camiño perimetral do Parque Central de Galicia
A Xunta de Goberno da Deputación provincial de Lugo aprobou a licitación das obras para o afirmado do camiño perimetral do Parque Central de Galicia que a Deputación impulsa na parroquia de Nugallás de Antas de Ulla. O orzamento para esta actuación ascende a 154.417,77 euros e o prazo de execución será de dous meses. Os traballos contemplan o movemento de terras, a drenaxe, afirmado, estendido de aglomerado en quente e sinalización mediante o pintado de marcas reflexivas brancas.
Rivera Capón sinalou que as obras do Parque Central -nas que a Deputación de Lugo inviste 1,3 millóns de euros- “avanzan a bo ritmo”. Informou que están rematadas as soleiras do parque infantil e os camiños secundarios; ademais o edificio multiusos está levantado a media altura; está executado o pozo de auga e a depuradora para o saneamento.