A Deputación inviste preto de 250.000 euros en sete actuacións en Navia de Suarna

A Deputación de Lugo destinará preto de 250.000 euros ao Concello de Navia de Suarna para executar un total de sete actuacións que repercutirán directamente na mellora da calidade de vida da veciñanza deste municipio da montaña. O Concello completará este investimento cunha achega próxima aos 2.000 euros.
Entre as intervencións previstas destacan os traballos de mellora de camiños en catro parroquias. Concretamente, actuaráse no lugar de Coea, en Castañedo; no acceso ao núcleo de Folgueiras; en Murias de Rao e Coro, na parroquia de Rao; e en Vilaverde, Camiño da Fonte e As Veigas, pertencentes a esta última parroquia.
Outra das actuacións salientables será a renovación integral da rúa Valle Inclán, unha das arterias principais do centro urbano. O proxecto contempla a mellora do firme, a reparación do sistema de drenaxe, a reposición das ramplas de acceso aos garaxes, a instalación dunha nova tubaxe de auga e a adaptación das arquetas e pozos á nova altura da vía. “Son unhas obras que permitirán converter a rúa nun espazo máis seguro e funcional para a veciñanza”, apuntou o deputado Pablo Rivera.
Así mesmo, con cargo a este investimento, o Concello poderá acometer a insonorización do polideportivo municipal da Pobra. Para iso instalaranse paneis de espuma no falso teito da cuberta, coidando especialmente os remates nas luminarias e noutros elementos suspendidos.