A Deputación lanza o programa Unha tripla pola igualdade como apoio ao deporte feminino
Máis de 600 nenos e nenas compartirán experiencias con xogadoras profesionais de baloncesto, que contarán o seu camiño á elite en centros escolares de Burela, A Fonsagrada, Samos, Antas de Ulla, Castroverde e Monforte de Lemos.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves no Pazo de San Marcos Unha tripla pola igualdade, unha nova iniciativa impulsada pola institución provincial para “visibilizar, apoiar e fomentar o deporte feminino a través dun completo programa de actividades que arrancarán este mesmo sábado e continuarán ata finais de ano”, e aproveitar esa proxección para “seguir avanzando en igualdade”.
José Tomé compareceu no acto de presentación do proxecto xunto á Deputada de Muller e Igualdade e Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o presidente da Asociación Xuvenil Sagrado Corazón, Rubén Engroba; o presidente do Ensino, Manuel Durán; ás xogadoras profesionais do equipo Esther Castedo e Bea Sánchez; e ao director da publicación Líder Deporte Lucense, Javier Ferreiro, todas entidades colaboradoras da iniciativa.
Explicou José Tomé Roca que a programación de Unha tripla pola igualdade combina unha parte competitiva, cun encontro de pretempada do Ensino e o Celta de Vigo e un torneo feminino en categorías de formación; visitas a centros escolares das comarcas lucenses nos que as xogadoras profesionais contarán aos nenos e nenas as dificultades das mulleres para chegar á elite do baloncesto; e unha mesa redonda con referentes do deporte de elite galego e nacional.
Agradeceu o Presidente a presencia das diferentes entidades colaboradoras, como a Asociación Xuvenil Sagrado Corazón, “que ten unha dilatada experiencia na celebración de torneos de baloncesto na cidade de Lugo”; do Ensino, que “non necesita presentación porque é un dos clubs de Galicia con maior tradición en baloncesto feminino e con máis temporadas na máxima categoría nacional”; e doutras entidades como o Concello de Guitiriz, que cede as súas instalacións deportivas para os partidos que se disputarán.
“Aplicar a perspectiva de xénero en toda a acción política que desenvolve o Goberno provincial é un dos obxectivos que marquei como Presidente da Deputación de Lugo, e este proxecto que hoxe presentamos, no que vamos da man de entidades de referencia no ámbito deportivo, responde a ese compromiso de avanzar na senda cara unha sociedade máis igualitaria e máis xusta”, subliñou o mandatario provincial.
“O deporte ten un gran poder para transmitir valores e para transformar a sociedade porque é o espello no que se miran centos de miles de persoas. Precisamente, estámolo comprobando nestes días coas campioas do mundo de fútbol feminino”, destacou o Presidente. Por iso, “dende a Deputación de Lugo apostamos polo deporte como un gran aliado para seguir avanzando en igualdade”, asegurou José Tomé.
Un amigable do Ensino e torneo de formación
O programa Unha tripla pola igualdade arrancará este sábado, ás 19.00 horas, co último partido de pretempada do Ensino Lugo. As lucenses enfrontaranse nun amigable ao Celta de Vigo no pavillón Jonathan Carro de Guitiriz, que ten capacidade para unhas 300 persoas. A entrada será gratuíta para o público asistente.
No mesmo pavillón da localidade guitiricense, celebrarase a fin de semana do sábado 23 e domingo 24 de setembro, un torneo feminino en categorías de formación, para nenas de Infantil e Cadete. Haberá catro equipos por categoría, que chegarán desde diferentes puntos da xeografía galega.
600 escolares da provincia
Outra das patas importantes da iniciativa, tal e como explicou o presidente, serán as visitas escolares. Están previstos diferentes encontros entre o corpo técnico e xogadoras profesionais do Ensino, que percorrerán as diferentes comarcas da provincia para intercambiar xogos e impresións co alumnado para explicarlles as dificultades que tiveron para chegar a elite do deporte. Tomé Roca avanzou que as citas serán en diferentes centros dos concellos de Burela, A Fonsagrada, Samos, Antas de Ulla, Castroverde e Monforte de Lemos, e participarán máis de 600 nenos e nenas.
Unha tripla pola igualdade contará ademais cunha mesa redonda que se celebrará a finais de ano, nunha data aínda por definir, no Pazo de San Marcos. Diferentes referentes femininas no deporte de elite galego e nacional intercambiarán as súas experiencias persoais para chegar á elite do deporte.