A Deputación leva á poxa de Becerreá 4 xovencas da Granxa Gayoso Castro

LugoXa | TerraChaXa
Os animais das instalacións provinciais vendéronse a un prezo medio de 3.075 euros
poxa-becerrea-xovencas-granxa-gayoso-castro
19 Mar 2025

O deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este mércores, xunto ao presidente da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga), César Dorado Pin, e outras autoridades, na poxa de xovencas celebrada en Becerreá, á que a Deputación de Lugo presentou 4 animais do centro de recría da Granxa Gayoso Castro.

Os exemplares, do rabaño de elite de Rubia Galega procedentes das instalacións provinciais, foron vendidas a un prezo medio de 3.075 euros, destacando dous dos exemplares que acadaron o prezo máis alto de 3.200 euros.

A Granxa Gayoso Castro é un dos piares da ampla actividade de apoio ao sector primario que desenvolve a Deputación de Lugo, que converteu este centro nun referente e nun motor da actividade agrogandeira na provincia e no conxunto de Galicia a través da formación e a investigación.

As instalacións provinciais, situadas en Castro de Rei, son un referente na recría e na promoción da raza autóctona realizando un importante labor de apoio á recría de Rubia Galega en colaboración con Acruga. A granxa conta co primeiro centro de iniciativa pública creado en España para a recría de gando vacún de leite e, dende finais do ano 2020, coa Granxa Experimental de Leite, un centro pioneiro en Galicia, pois é o primeiro que une formación e investigación universitarias en torno ao sector lácteo.

⚙ Configurar cookies
0.17110919952393