A Deputación licita un proxecto para dar cursos en competencias dixitais en zonas pouco poboadas

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres licitar por medio millón de euros un proxecto de formación que ofrecerá 500 cursos en competencias dixitais á veciñanza da provincia. Baixo o nome de E para dixitalizarse Lugo, esta iniciativa, financiada con fondos europeos, ofertará contidos relacionados coa ofimática, informática básica, ciberseguiridade, redes sociais ou o uso dos teléfonos móbiles. Así o avanzou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a sesión semanal.
“Na Deputación de Lugo somos plenamente conscientes da necesidade de facer fronte a esa brecha dixital que existe no territorio, porque cremos que a tecnoloxía non debe ser unha barreira senón unha ferramenta que facilite a nosa vida diaria”, valorou. Garantir a inclusión dixital, diminuír a brecha dixital, asegurar a adquisición de competencias dixitais básicas para a cidadanía e garantir tamén que as zonas en risco de despoboamento poidan aumentar a súa capacidade dixital son algúns dos obxectivos desta actuación que se enmarca no Reto Rural Dixital do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
Avanzou a Deputada que o proxecto, que durará ata o 20 de marzo de 2026, inclúe 500 accións formativas “directamente relacionadas coas necesidades tecnolóxicas da sociedade actual e que irán dirixidas á adquisición de coñecementos vinculados ás TICs”. Talleres e cursos que se impartirán nos 55 concellos da provincia que contan con menos de 5.000 habitantes, todos menos: Lugo, Monforte de Lemos, Viveiro, Vilalba, Sarria, Foz, Ribadeo, Burela, Chantada, Guitiriz, Outeiro de Rei e Castro de Rei.
Grazas a este proxecto, explicou Pilar García Porto, “a veciñanza aprenderá cuestións relacionadas coa busca de emprego ou o emprendemento. Tamén haberá formacións de especial interese para as familias, como por exemplo sobre os riscos de internet ou a dependencia dos dispositivos móbiles”. As persoas maiores, detallou, poderán aprender sobre o uso dos teléfonos, Google, a banca electrónica, ou ferramentas de comunicación como Whatsapp ou Telegram.
“Sabemos que as novas tecnoloxías traen consigo múltiples oportunidades e ademais son unha gran alidada á hora de crear emprego e impulsar os pequenos e medianos comercios. Unha cuestión que se atopa directamente relacionada coa loita contra o despoboamento e a fixación de poboación no rural”, subliñou. Unha iniciativa da Deputación mediante a que os veciños e veciñas da provincia poderán coñecer competencias básicas que lles permitirán desenvolverse “comodamente” no entorno dixital, que evoluciona con velocidade.
Líderes en captar Fondos Europeos
Ademais, informou de que a institución provincial ten en marcha o proceso de selección de persoal do posto de coordinador e enxeñeiro necesarios para realizar este proxecto que conta en total con 750.000 euros de fondos captados de Europa.
Este capital súmase aos máis de 18 millóns de euros que captamos da Unión Europea desde o ano 2019. Fondos que permiten á Deputación poñer en marcha proxectos coma este; ou iniciativas coas que traballa a institución provincial na modernización e na dixitalización dos concellos: o Xeopadrón, que se asinou cos concellos recentemente, ou o programa Impulsa TIC.
Nesta liña, a Deputación de Lugo é unha das institucións provinciais de toda España que máis fondos recibiron xunto con outras como Barcelona, Sevilla ou Valencia. En concreto, para desenvolver este programa é a administración pública que, xunto á Deputación Provincial de Segovia, recibiu a maior contía.