A Deputación licitou 1,4 millóns de euros para as residencias de Castroverde e Pedrafita
A Xunta de Goberno aprobou a licitación do contrato para a prestación de servizos básicos nos centros de atención a maiores de Castroverde e de Pedrafita do Cebreiro por un importe conxunto de preto de 1,4 millóns de euros. En ámbolos dous casos, o contrato terá unha duración dun ano, dende xuño deste ano 2022 a xuño de 2023, coa opción de tres prórrogas anuais.
A residencia de Castroverde leva funcionando dende finais do ano 2020 e a de Pedrafita do Cebreiro, dende mediados do 2021. A Deputación promove esta licitación porque este ano conclúe a vixencia do contrato que está en vigor.
A semana pasada, a institución aprobou a licitación deste mesmo contrato, que inclúe cociña, limpeza e asistencia, para as residencias de Pol e da Fonsagrada, por un importe de 1,4 millóns de euros, e hai 15 días, para as de Trabada e Ribadeo, por un importe de 1,5 millóns de euros.
Outro acordo adoptado nesta Xunta de Goberno sobre as residencias foi a adxudicación dos dous últimos lotes que faltaban do contrato para o equipamento do centro de atención a maiores de Navia de Suarna. En concreto, adxudicáronse os correspondentes á compra de equipos médicos e de cortinaxe, por un importe conxunto de 55.000 euros. Desta forma, queda completa a adxudicación do contrato para dotar de equipamento á residencia de Navia, cun investimento que ascende a 262.632 euros.
A de Navia de Suarna é unha das dúas novas residencias que a Deputación ten previsto abrir neste ano, xunto á do concello de Ribas de Sil.