A Deputación luguesa adhírese ao Centro de Operacións de Ciberseguridade

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar a adhesión da institución provincial ao Centro de Operacións de Ciberseguridade para Entidades Locais (COS) da Secretaría Xeral de Administración Dixital do Goberno de España. Así o anunciou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen explicou que con este paso seguimos a avanzar na nosa aposta “pola modernización e transformación dixital desta Deputación e dos Concellos da provincia, neste caso no ámbito da ciberseguridade”.
Explicou a Voceira socialista que este servizo COCS, compartido e de prestación centralizada, ofrece protección avanzada e solucións especializadas en seguridade da información e das comunicacións, mellorando de forma significativa a protección dos servizos públicos fronte ás ameazas cibernéticas. Está financiado pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cun orzamento de 70 millóns de euros.
“O obxectivo desta adhesión é reforzar, mellorar e complementar a ciberseguridade tanto da propia institución como dos concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes, sen que iso supoña ningún custo para a Deputación ou para as entidades locais”, subliñou Pilar García Porto, quen engadiu que “a seguridade TIC é unha parte transversal da institución, protexendo a información sensible e os datos persoais que manexamos no día a día”.
Este Centro de Ciberseguridade (COCS) mellorará as competencias en diferentes cuestións no ámbito dixital como son: a prevención e detección de incidentes; a análise de vulnerabilidades e seguridade, protección en servizos como a navegación ou correo electrónico, a xestión de respostas ante incidentes, a capacitación, asesoramento e monitorización.
Ademais incidiu a Deputada que esta medida complementa a outras accións que temos en marcha desde a Deputación, como é o caso da oficina técnica de seguridade da información, cun orzamento de 300.000 euros, ou a adhesión a Ciber.gal.