A Deputación mellorará a rúa de San Isidro Labrador
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres un convenio de colaboración co Concello de Lugo para a mellora da rúa de San Isidro Labrador, no barrio lucense da Piringalla, por un importe que se achega aos 165.000€. Un proxecto que financia integramente a institución provincial, tal e como explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.
Esta actuación consistirá na retirada do firme e de varios tramos das beirarrúas existentes, na substitución da rede de abastecemento, reposición das marxes para o paso dos peóns con loseta hidráulica, colocación dun novo bordo e dun novo sistema de desaugue de pluviais, repavimentación da calzada con aglomerado en quente e sinalización.
Apuntou a voceira socialista que se trata dunha vía de dobre sentido, perpendicular á avenida da Coruña, de actividade comercial e hostaleira, polo que “se trata dunha actuación importante para o barrio da Piringalla e para toda a cidade”. Unha colaboración co Concello de Lugo que “se enmarca na liña de cooperación permanente que mantemos dende a Deputación de Lugo cos concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós veciños e veciñas”.