A Deputación mellorará cinco estradas ao seu paso por Cervantes, Baralla e Riotorto

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou o avance na contratación das obras de mellora de cinco estradas provinciais nos concellos de Cervantes, Baralla e Riotorto, cun investimento global de case medio millón de euros.
A medida ten como obxectivo mellorar a rede viaria provincial, fundamental para a conectividade e o benestar dos veciños e veciñas da zona.
Pilar García Porto, voceira do Goberno da Deputación e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, destacou que "a Deputación segue a facer un esforzo investidor enorme para rehabilitar, manter e mellorar a rede de estradas da nosa provincia", subliñando a importancia destas actuacións para o desenvolvemento das comarcas.
Concretamente, as obras en Cervantes afectarán tres tramos de estradas. O primeiro consistirá na mellora dos últimos dous quilómetros da LU-P-1401, que conecta Doiras co límite provincial de León, ó seu paso por Piornedo, entre os puntos quilométricos 28,509 e 30,409. Tamén se acondicionará case un quilómetro da LU-P-1402, que une a parroquia de Ribeira e Vilaquinte, á altura de Quindous, entre os puntos quilométricos 8,850 e 9,600. Finalmente, a Deputación mellorará un tramo de máis de cinco quilómetros da LU-P-1404, que conecta San Román con Quindous, no tramo entre Vilaluz e o Castro de Santa María, desde o quilómetro 5,000 ao 10,300. As actuacións incluirán a reapertura de cunetas, reparación de desperfectos, repavimentación, sinalización e balizamento. O prazo para a execución das obras será de tres meses desde o inicio dos traballos.
García Porto explicou que estas actuacións son especialmente importantes para o Concello de Cervantes, xa que estas estradas son fundamentais para as comunicacións dentro do municipio, e ao seu paso polo norte do concello, onde as duras condicións climáticas provocan un importante desgaste no inverno.
No Concello de Baralla, a Xunta de Goberno adxudicou á empresa Grupo Bascuas 2008 SL a realización de obras de acondicionamento na estrada LU-P-0505, que conecta Camporredondo con Biduedo. A intervención, que se centrará nos últimos tres quilómetros da estrada (do 2,100 ao 4,900), terá un custo de 66.585,31 euros. As obras incluirán a reapertura das cunetas, limpeza das obras de drenaxe, reparación de desperfectos, repavimentación e sinalización vertical. O prazo para a execución das obras será dun mes desde o inicio dos traballos.
García Porto tamén destacou a importancia desta actuación para mellorar a comunicación entre as entidades de poboación de Camporredondo e Biduedo, e valorou a mellora da estrada como unha das principais vía de acceso para os veciños da zona.
A Deputación de Lugo tamén adxudicou á empresa Construcciones Isidro Otero, por un importe de 188.981,88 euros, os traballos de acondicionamento de algo máis de tres quilómetros da estrada LU-P-4404, que conecta Riocabo coas Rodrigas por Aldurfe, no municipio de Riotorto. Os traballos afectarán ao treito da estrada que vai desde a parroquia de Espasande ata o Teixeiro, entre os puntos quilométricos 15,000 e 18,030. As melloras consistirán na drenaxe da vía mediante a reapertura e mellora das cunetas, así como na repavimentación con aglomerado en quente. Tamén se procederá ao pintado da vía con marcas reflexivas brancas e á reposición da sinalización vertical. O prazo para a execución destas obras será dun mes desde o inicio dos traballos, e están orientadas a mellorar a seguridade e a accesibilidade nesta zona, fundamental para as comunicacións no concello de Riotorto.