A Deputación ofrece 40.000 euros para completar o museo dedicado a Forges na Fonsagrada
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un acordo de colaboración co alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, para apoiar o financiamento necesario para completar o museo dedicado a Forges, que está levando a cabo este concello na Montaña.
A través deste convenio, a institución provincial achegará preto de 40.000 euros, que se destinarán á museografía, o equipamento e as obras complementarias do edificio, asegurando a súa funcionalidade.
Tomé Roca enmarcou esta colaboración na liña de acción do Goberno provincial de cooperar cos 67 municipios da provincia, co obxectivo de proporcionarlles "servizos públicos de calidade". Ademais, valorou positivamente este acordo coa Fonsagrada, destacándoo como "moi beneficioso para a comarca", xa que contribuír á dinamización da Montaña desde o punto de vista económico, social e cultural, en torno a este artista gráfico tan vinculado á localidade lucense.
En concreto, a Deputación destinará 18.367,80 euros ao equipamento do espazo. Este investimento empregarase para revisar e adaptar a instalación eléctrica e as telecomunicacións, subministrar e colocar vinilos informativos e o rótulo da fachada exterior, ademais de proporcionar e montar vitrinas, asentos e outros mobles necesarios, así como a instalación dunha pantalla.
Outros 16.819 euros dedicaranse á museografía: á elaboración do proxecto museolóxico, creación dunha identidade gráfica, labores de comunicación para a difusión do centro cultural, e a elaboración de recursos didácticos.
Adicionalmente, o convenio prevé 1.425 euros para obras complementarias en diversos elementos da fachada, como a instalación dunha canaleta para o paso do cableado, melloras para a impermeabilización da cuberta, e o mantemento e posta en marcha do reloxo da fachada principal.