A Deputación participa nun ciclo de conferencias da USC sobre o futuro do medio rural
O deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este luns no relatorio inaugural do ciclo de conferencias El futuro del medio rural en el Noroeste Peninsular que organiza a Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais. No acto, que tivo lugar a primeira hora da tarde no salón de actos da Escola Politécnica do Campus Terra, o Deputado defendeu que a Universidade “é unha ferramenta imprescindible para futuro do noso rural” e que por iso “somos a institución provincial de toda España que máis recursos económicos dedica á cooperación coa Universidade pública”.
Xunto ao Deputado participaron neste acto a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a delegada do Reitor para o Campus de Terra, Elvira López, a directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Rosa Romero, e a xerente do Colexio Oficial da Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia, Patricia González, entre outras autoridades.
Roberto Fernández Rico comezou destacando que foran os estudantes os organizadores das xornadas, “un síntoma de que o rural interesa ao conxunto da sociedade, tamén ás xeracións máis novas”. Un sector que, segundo apuntou o Deputado, “ten unha presenza importante na industria, que no caso da madeira aporta un 16%” do PIB da provincia, ou a agricultura, gandería e pesca, que suman outro 5%. Roberto Fernández situou como factores para garantir o futuro do rural a modernización do sector primario, a ordenación do territorio, dotar de valor engadido ás materias primas, o turismo de calidade, a mobilidade e o acceso aos servizos públicos.
“O futuro do sector primario pasa pola innovación e a modernización. Unha modernización que promovemos dun xeito decidido dende a Deputación de Lugo apoiando e colaborando co Campus de Lugo”, sinalou o Deputado, que puxo tamén en valor o traballo que ambas entidades desenvolven de xeito conxunto. Neste sentido, falou da Unidade de Leite da Granxa Gayoso Castro, “o primeiro centro público de Galicia que aglutina formación e investigación universitarias no sector lácteo”.
Explicou Fernández Rico que se trata dun “laboratorio vivo no que, cada curso, en torno a medio milleiro de estudantes de Veterinaria e Enxeñaría do Campus de Lugo melloran a súa formación facendo prácticas, e que poñemos ó servicio dos gandeiros e gandeiras da nosa provincia para conseguir explotacións máis rendibles e sostibles a través da innovación e a investigación”.
O Deputado deu conta tamén das políticas transversais que está a aplicar o Goberno provincial neste sentido, como as iniciativas que desenvolve como xestora das Reservas da Biosfera de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá e que afectan practicamente á metade dos concellos da provincia. Tamén sinalou a importancia de proxectos europeos como o o Life in Common Land, “para o aproveitamento sostible da Serra do Xistral da man das propias comunidades de montes veciñais”, ou o Life Lugo+Biodinámico, “liderado polo Concello de Lugo e a súa Alcaldesa, Lara Méndez, para promover un desenvolvemento urbano sostible e a economía verde”.
Roberto Fernández apuntou que “un rural vivo e un medio ambiente coidado son tamén as bases sobre as que construír unha oferta turística de calidade, sostible, non masificada e desestacionalizada”, precisamente o modelo que está a impulsar a Deputación de Lugo e que está consolidando á provincia “como un dos destinos favoritos para o turismo interior galego, e para os viaxeiros nacionais e internacionais”.
Destacou tamén a importancia da mobilidade, para a que a Deputación destina un terzo do seu Orzamento; e das políticas sociais, onde a institución provincial está a despregar unha rede de centros públicos de atención aos maiores “que dinamiza o rural e contribúe a fixar poboación ao garantir o arraigo dos veciños e crear emprego”. Lamentou a falta de compromiso da Administración autonómica e sinalou que “recortar o acceso ós servizos públicos é ferir de morte ó rural, porque ninguén quere vivir onde non hai médico, onde non hai escola”.
As xornadas El futuro del medio rural en el Noroeste Peninsular están estruturadas en sete relatorios que se desenvolverán no Campus Terra de Lugo os días 19, 21, 26 e 29 de setembro e 3, 13 e 20 de outubro en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. Os efectos que provoca a presenza do lobo para as ganderías; as políticas agrarias e demográficas contra o despoboamento; a alimentación nas ganderías bovinas do futuro; o cometido de prevención de incendios que desenvolve a gandería extensiva; o futuro sobre o uso de fertilizantes e fitosanitarios; a xestión forestal e a prevención de incendios ou o futuro da industria forestal constitúen os eixes temáticos sobre os que versan as distintas sesións incluídas nestas xornadas.