A Deputación pide á Xunta máis recursos para a atención á diversidade

O Pleno ordinario celebrado esta mañá na Deputación provincial aprobou unha iniciativa socialista para reclamar á Xunta de Galicia a necesidade de reforzar o persoal de atención á diversidade nos centros educativos da provincia. A moción contou cos votos a favor do PSdeG, o BNG e o deputado non adscrito e os votos en contra do PP.
“Levamos anos vendo o declive da ensinanza pública por falta de vontade política. É evidente que Galicia arrastra unha falta estrutural de profesorado especialista en atención á diversidade, o que impide garantir unha educación verdadeiramente inclusiva e adaptada ás necesidades do alumnado con necesidades específicas de apoio”, sinalou a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira. Destacou ademais que este ano o curso académico arrancou na provincia de Lugo 157 vacantes de profesorado sen cubrir, “algo que se repite ano tras ano”.
Defendeu que son numerosos os exemplos de centros na provincia de Lugo que carecen de profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT) e de Audición e Linguaxe (AL) a pesar de contar con alumando que ten ditame recoñecido, ou nos que a atención á diversidade queda gravemente limitada pola falta de recursos humanos mínimos, xerando unha situación de desigualdade entre concellos.
O texto presentado polos socialistas inclúe ademais que a Xunta de Galicia elabore e poña en marcha “de maneira inmediata” un Plan de Choque específico para reforzar os especialistas en atención á diversidade; que dote este dos recursos económicos e humanos necesarios; que revise os criterios de asignación e ratios de profesorado PT e AL; e que garanta a cobertura efectiva das prazas necesarias.
Ademais, o Pleno aprobou por unanimidade unha Declaración Institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, na que se recoñece o papel das mulleres que sosteñen a administración local e desempeñan funcións esenciais na planificación, xestión e prestación de servizos públicos.
AS PROPOSTAS POPULARES
No apartado político, o Grupo Provincial do PP criticou que PSOE e BNG votasen en contra das dúas iniciativas que presentou no pleno. Os populares propoñían, por unha banda, habilitar un fondo extraordinario de polo menos 5 millóns de euros para axudar aos 67 concellos da provincia a reparar infraestruturas municipais danadas polos temporais, especialmente camiños rurais, mediante axudas directas e procedementos simplificados.
Tamén solicitaron que a Deputación instase ao Goberno central a retirar o recurso presentado ante o Tribunal Constitucional contra o plan galego de axilización da dependencia. Segundo o portavoz popular, Antonio Ameijide, esa impugnación frea medidas que permiten recoñecer automaticamente a discapacidade ás persoas con dependencia acreditada e supón un prexuízo para miles de galegos.
O PP sostén que estas decisións responden a intereses económicos e denuncia que o Estado non está a cumprir co seu compromiso de financiamento do sistema de dependencia, ao tempo que lamenta que as súas propostas non obtivesen respaldo na Corporación provincial.
VISITA AO PLENO
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, saudou este martes a un grupo de 24 alumnos e alumnas, xunto a varios docentes, do Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos do Campus de Lugo, que asistiron en directo aos Plenos ordinario e extraordinario celebrado no Pazo de San Marcos. Carmela López destacou a importancia de abrir as institucións á cidadanía, neste caso a Universidade, subliñando que “achegar a administración ao alumnado contribúe a reforzar a súa formación e fomentar unha maior cultura democrática”.
A Deputación de Lugo instou á Xunta de Galicia a poñer en marcha unha estratexia organizada e preventiva para salvagardar o patrimonio da provincia e impedir que se produzan danos irreversibles nos seus bens culturais. A proposta, presentada polo BNG, saíu adiante no pleno celebrado este martes, malia o voto en contra do Partido Popular.
AS MOCIÓNS NACIONALISTAS
No transcurso do debate, a deputada nacionalista Iria Castro cuestionou a ausencia dunha política de conservación sólida por parte do Executivo autonómico, ao que lle corresponde a tutela dos Bens de Interese Cultural. Subliñou que non abonda con actuar cando xa se produciron derrubamentos, senón que é preciso anticiparse cunha planificación que evite o deterioro. Como exemplo, referiuse á Muralla de Lugo, onde informes técnicos sinalan varios puntos sensibles, e tamén a outros enclaves como a Torre de Torés, a Torre de Caldaloba ou a Casa Benedicto, casos nos que denunciou demoras e falta de actuación por parte da Xunta.
Na mesma sesión plenaria, a Corporación aprobou por unanimidade unha iniciativa para reclamar ao Goberno do Estado unha intervención integral na N-540, estrada que conecta Lugo con Ourense. O BNG solicitou actuacións inmediatas nos treitos máis afectados ao longo do primeiro semestre de 2026 e a execución, sen máis atrasos, dunha reforma en profundidade da vía.
O deputado Daniel García alertou do perigo que representa o estado actual da estrada para a seguridade das persoas usuarias e criticou a escasa inversión en infraestruturas viarias na provincia. Ademais, fixo referencia á situación doutras vías relevantes como a N-VI, a N-120 e a N-640, así como aos atrasos acumulados en proxectos como a A-74, a VAC Costa Norte ou o desdobramento da AG-22.