A Deputación pide á Xunta que os concellos xestionen o 15% dos fondos covid

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Pleno aprobou unha proposta socialista para que a administración autonómica transfira recursos ás entidades locais.
TOME DEPUTACION PLENO
27 Apr 2021

O Pleno da Deputación aprobou unha proposta socialista para que a administración autonómica transfira recursos ás entidades locais, que tiveron que asumir competencias impropias durante a pandemia como a desinfección de colexios. Por outra banda, o PP abandonou a sesión ao non pedir Tomé desculpas polas súas declaracións machistas sobre Elena Candia

A Deputación de Lugo reclamará á Xunta de Galicia que os concellos xestionen o 15% dos fondos de axudas para paliar os efectos da Covid-19, logo de que as entidades locais se viran na obriga de asumir competencias impropias durante a pandemia como a desinfección de centros educativos. Así se decidiu na sesión ordinaria do Pleno provincial do mes de abril, que se celebrou este martes, tras a proposta presentada polo grupo socialista.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, defendeu que “a loita contra a Covid ten suposto para os concellos atender novas necesidades da veciñanza nun contexto de incerteza e dificultade, no que ao devir sanitario foise sumando o impacto socioeconómico da pandemia”. “A Xunta de Galicia non deixou de esixir aos concellos que asumisen competencias impropias tan custosas como a desinfección dos centros de ensino ou que controlasen medidas excepcionais como o toque de queda ou as limitacións á mobilidade, sen ter en conta as dimensións reais dos cadros de persoal da Policía Local ou Protección Civil”, manifestou a Deputada.

García Porto amosou o apoio do Goberno da Deputación a petición da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para que as entidades locais xestionen unha porcentaxe dos fondos Covid e apuntou que “a Xunta ten uns orzamentos de 11.500M€. A Xunta recibiu aproximadamente 1.100M€ do Goberno e da UE e non tivo en conta ós concellos á hora de empregalos”. A voceira socialista sinalou que dende o primeiro momento os concellos deron resposta á veciñanza con “lealdade e sentido da responsabilidade, poñendo sempre a seguridade e a atención por riba de calquera outra cousa” e que “non deixaron de reclamar a achega de fondos necesarios para facer fronte á situación”, pero que a Xunta “só fixo ouvidos xordos”.

Traspaso do Sergas

O Pleno provincial aprobou por unanimidade outra moción socialista para reclamar o traspaso ao Sergas dos servizos sanitarios municipais, que asumen, entre as súas funcións, incorporar sanitarios nos seus cadros de persoal e manter centros e infraestruturas destinados a ese fin, como os Servizos de Prevención e Asistencia a Drogodependentes (SPAD). Esta reivindicación pretende reordenar as competencias e o gasto que se asume para desenvolvelas, facilitando que o conxunto dos servizos sanitarios corresponda ao organismo competente que é a Xunta de Galicia.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou que a Xunta transfire á FEGAMP unha cantidade anual para programas de atención á drogodependencia de 3,9M€ e que o Servizo Galego de Saúde vén recoñecendo atender cada ano, por esta causa, a uns 13.000 galegos. “O goberno galego dedica 300 euros a cada un destes pacientes. Esta é a importancia que a Xunta lle dá a un problema sociosanitario como o da drogodependencia. Unha esmola aos concellos para que atendan eles á xente”, reprochou.

Rivera Capón engadiu que é de recibo “acordar coa Federación Galega de Municipios e Provincias, en representación dos concellos galegos, o mecanismo polo que se dá saída a esta situación”.

Adhesión á Rede de Gobernos Locais pola Biodiversidade

Aprobouse tamén no Pleno unha proposta do Goberno provincial para adherirse á Rede de Gobernos Locais pola Biodiversidade, unha sección da FEMP que aglutina pobos comprometidos co desenvolvemento sostible e a protección da diversidade de especies nos diferentes ecosistemas. A actividade da rede está dirixida ao impulso de políticas de conservación e incremento dos recursos naturais, á mellora do medio hídrico e da conectividade ecolóxica.

García Porto defendeu que ante posibles actividades e proxectos vinculados a esta iniciativa que se efectúan na institución provincial considérase interesante esta adhesión. Neste sentido destacou o proxecto LIFE In Common Land de conservación dos hábitats na Serra do Xistral impulsado pola Deputación, a xestión e xerencia das Reservas da Biosfera Terras de Miño e Ancares Lucenses ou a xestión dos hortos urbanos no parque do Río Rato e Paradai.

Manter a toponimia Ría de Ribadeo

A Corporación provincial tamén aprobou por unanimidade a proposta do Goberno para que a Deputación presente alegacións á solicitude do Principado de Asturias para que se oficialice o nome “Ría del Eo”, algo que vai contra a oficialidade do topónimo “Ría de Ribadeo”, que é o nome empregado historicamente para denominar a ese enclave.

Así mesmo, quedou aprobado instar á Xunta de Galicia a ter unha posición unánime e de defensa á toponimia oficial e dar conta destes acordos ao Goberno do Estado.

Modificación do Orzamento 2021

A Deputación de Lugo sacou tamén adiante unha modificación de crédito para ampliar con remanentes o Orzamento provincial 2021 en case 4,2M€. A Deputada de Economía e Facenda, Mayra García Bermúdez, explicou que esa cantidade poderá destinarse á Cooperación cos Concellos, a entidades sen ánimo de lucro ou ao tecido empresarial da provincia, que están a padecer os efectos da crise económica derivada da pandemia.

Abandono do Pleno

Os deputados do PP abandonaron esta mañá a sesión plenaria da Deputación diante da actitude mantida polos corporativos socialistas e nacionalistas no debate da moción popular para reprobar as manifestacións efectuadas días atrás polo presidente, José Tomé, en relación coa vestimenta da deputada autonómica e presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinalou: “Lamentamos moitísimo a actitude do goberno da Deputación no debate da moción de reprobación das declaracións do presidente Tomé polas súas declaracións machistas sobre a deputada e presidenta do PP, Elena Candia. A verdade é que non esperabamos esta situación. O grupo do Partido Popular tivo que irse da bancada posto que non é xusto; non é xusto. Os erros hai que recoñecelos e que mellor momento para facelo que o pleno da Deputación de Lugo. No pleno é onde tiña que pedir desculpas o señor Tomé”.

Para Castiñeira, o debate da moción popular “era unha oportunidade estupenda para mellorar a imaxe da Deputación de Lugo e a do propio presidente, pero non quixeron facelo”. Engadiu: “Preferiron atacar e non entendemos a actitude do Partido Socialista e, especialmente, a do BNG, protexendo ao presidente e non reprobando esas declaracións. É un feito que dana á institución provincial, que dana á Deputación de Lugo”.

Castiñeira destacou que “o presidente non dixo nin palabra neste asunto”. Declarou tamén: “Lamentamos que intenten ir a un enfrontamento; o PP sigue mantendo a súa liña. Parece imposible que o presidente da Deputación non rectifique as súas palabras nun órgano tan importante como é o pleno, pero así foi. Levámonos unha moi dura opinión do pleno de hoxe; esta non é a imaxe que quere o PP para a Deputación de Lugo”.

A deputada provincial encargada da defensa da moción do PP, Lola Castro, lamentou que o presidente non se desculpase polas manifestacións realizadas, sobre todo, cando si o fixeron outros representantes políticos como foron o secretario Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; o concelleiro de Lugo, Álvaro Santos; ou as deputadas do BNG, Ana Pontón e Olla Rodil. A este respecto, Castro, logo de reproducir literalmente os comentarios de ditos representantes do partido socialista e do Bloque Nacionalista Galego, criticou que Tomé Roca afease ao Partido Popular que manipulase as súas declaracións. “Non sei que pensará tamén Valentín Formoso porque vostede, en alusión ao presidente da Deputación, xustificouse non para pedir perdón, senón polo rebumbio”.

“O Sr. Tomé di que non hai machismo. Considerou a protesta unha montaxe desproporcionada, lonxe de aproveitar para rectificar e desculparse”. Neste senso, remarcou que “non podemos normalizar estas actitudes para acadar a plena igualdade, en favor dos dereitos das mulleres”. Por iso, sinalou, “presentamos esta moción por un machismo intolerable, que vulnera a dignidade da mulleres e para reprobar calquera manifestación deste tipo veña de onde veña”. Os populares solicitaban así tamén ao BNG que retirase o apoio ao presidente pero, finalmente, os nacionalistas defendérono.

Lola Castro lembrou, asemade, como ela mesma, na súa condición de alcaldesa, experimentou unha situación semellante á de Elena Candia. Indicou que un representante socialista do seu Concello lle dixo a ela mesma “que non valía nin para cociñar”. Os deputados do Grupo Provincial do Partido Popular, en aras de acadar o respaldo á súa moción que ía dirixida á solicitar a rectificación do presidente da Deputación, ata se ofreceron a votar por puntos a súa iniciativa, cabendo incluso a posibilidade de eliminar o último. Finalmente, PSOE e BNG declinaron esta opción e respaldaron co seu voto ao presidente. Lola Castro rematou dicindo: “non criminalicen ao PP para xustificar semellantes declaracións”.

0.19427394866943