A Deputación plantará arbores autóctonas nos terreos da N-VI nos que retirou chopos por risco de caída

LugoXa
A Deputación plantará arbores autóctonas de pequeno porte nos terreos provinciais da N-VI nos que retirou chopos por risco de caída
lugo roza nvi estrada
4 Nov 2021

A Deputación de Lugo acondiciona estes días os terreos de titularidade provincial situados nas proximidades da Nacional VI e nas propiedades anexas ao Pazo Provincial de Deportes logo da retirada dunhas árbores que tiveron que talarse polo risco que supoñía a súa caída ao estaren enfermas. Estas árbores eran chopos (Populus x euroamericana).

Os traballos efectúanse nunha superficie duns 750 m2 cun orzamento de 10.127€. As tarefas consisten no destoconado químico de 10 tocóns de chopos mediante a aplicación de produtos fitosanitarios que eviten o seu rebrote, a eliminación do arbusto das bolboretas (Budledja Davidii) seguindo os protocolos existentes para a xestión da flora exótica invasora. Á súa vez, vanse plantar árbores autóctonas na zona de pequeno porte para evitar unha nova ocupación por parte de especies invasoras. 

A previsión é que estes labores finalicen nuns cinco días, aínda que, se as condicións meteorolóxicas son favorables, poderían quedar rematados antes. Estes traballos contan cos permisos correspondentes da demarcación de estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. 

Esta actuación é froito do constante labor de control e revisión das zonas verdes de titularidade provincial que desenvolve a Deputación para o mantemento e a conservación das zonas verdes e para garantir a seguridade viaria.

0.20028114318848