A Deputación presenta a nova Guía do Románico de Sarria, Os Ancares e O Courel

SarriaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa
A Deputación presenta a nova Guía do Románico de Sarria, Os Ancares e O Courel nun acto celebrado na igrexa de Santiago de Barbadelo
Presentación Guía Románico Barbadelo
19 Abr 2023

A igrexa de Santiago de Barbadelo, en Sarria, acolleu a presentación da Guía do Románico de Sarria, Os Ancares e O Courel. O acto reuniu neste Monumento Nacional desde o ano 1976, a veciños e veciñas, representantes municipais, e colectivos sociais e culturais destas comarcas interesados en coñecer a publicación, que fai un percorrido por 59 monumentos románicos de 11 concellos. “Este é un marco inmellorable para presentar o terceiro volume do proxecto editorial co que dende a Deputación estamos poñendo en valor o patrimonio románico da nosa provincia”, subliñou José Tomé.

A nova guía do románico sae á luz seguindo as liñas editoriais das súas antecesoras, dedicadas á Ribeira Sacra e á Ulloa, explicou o Presidente, “uns obxectivos que nos marcamos para o conxunto do proxecto: rigor, amenidade e utilidade”. Un valioso documento, engadiu, que queremos “estea nas mans de todo tipo de usuarios, que as lean amantes do turismo cultural, do medio ambiente, ou tamén os peregrinos que fan o Camiño de Santiago para que, por exemplo, aproveiten o seu paso por Sarria para coñecer mellor algún destes monumentos”.

Neste senso, o proxecto editorial composto por catro volumes forma parte da estratexia global que impulsa a Deputación “para consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible e de experiencias, que pon en valor o patrimonio e que deixa valor no territorio, en termos económicos e de emprego, e polo tanto, que axuda a fixar poboación no noso rural, que tanta falta nos fai”, subliñou o máximo mandatario provincial.

“O patrimonio é identidade e pasado, pero, sobre todo, é unha das bases sobre as que construír o futuro, á altura do que estes monumentos representaron no seu día: apertura ó mundo, comercio, difusión do coñecemento e desenvolvemento”, concluíu Tomé Roca. Ao finalizar o acto, o Presidente acompañado pola deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, fixo entrega a cada un dos asistentes dun destes exemplares.

Na cita tamén estiveron presentes alcaldes destes territorios, entre eles, os da Fonsagrada, As Nogais, Baleira, Navia de Suarna, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro e Triacastela, así como o Delegado Episcopal de Liturxia, Relixiosidade Popular e Patrimonio Histórico Artístico do Bispado de Lugo, José Antonio Ferreiro Varela, e o director do Patrimonio Histórico Artístico do Bispado, Jesús Salvador López.

A Deputación editou 1.000 exemplares desta nova guía sobre o románico de Sarria, dos Ancares e do Courel, que fai un percorrido por un total de 59 monumentos románicos de once concellos. As súas páxinas convidan ao lector a descubrir, a través de textos e fotografías de gran calidade visual, unha chea de contrastes que amosa a infinita capacidade das formas do románico para mimetizarse coas paisaxes da provincia.

A publicación recolle desde construcións civís, como a Torre de Doncos ou o Castelo do Carbedo; ata templos máis modestos que lembran na súa planta as formas castrexas, con igrexas pequenas como é o caso de Santo Tomé de Lebruxo. Tamén se pode apreciar a exuberancia dos grandes mosteiros, como o de Penamaior, en Becerreá, ou o de Samos; e a forza do Camiño que se deixa sentir con exemplos como a igrexa de Santa María A Real, en Pedrafita do Cebreiro, ou con templos como o de San Salvador de Sarria.

Trátase da terceira entrega do proxecto editorial Lugo Románico, composto por catro volumes dedicados tamén á Ribeira Sacra, a Ulloa e A Mariña. Os exemplares contan con información e textos en tres idiomas: galego, castelán e inglés.

0.17202091217041