A Deputación procederá á estabilización de 110 prazas temporais
A Deputación vén de anunciar o impulso a un proceso de estabilización laboral de 110 prazas ocupadas ata o momento por persoal temporal.
Informouno o presidente do Executivo, José Tomé Roca, no día de hoxe tras asinar o acordo acadado no seo da Mesa Xeral de Negociación, xunto á Deputada de Réxime Interior, Pilar García Porto, e as forzas sindicais que representan aos traballadores.
O acordo fixa os criterios da Oferta Pública de Emprego (OPE) deste 2022 para desenvolver o proceso de estabilización do persoal da Deputación en aplicación da lei estatal que impulsa, dende o mes de decembro, a redución da temporalidade no emprego público.
O mandatario provincial puxo en valor o acordo conseguido co apoio de UXT, CCOO e CSIF e a abstención da CIG. O presidente destacou que “este Goberno ten a firme vontade de chegar sempre aos maiores consensos posibles cos representantes dos traballadores e traballadoras da institución, dun xeito especial en todo o que ten que ver coas súas carreiras profesionais ou situación laboral”.
O Presidente subliñou que este é un acordo que beneficia a todas as partes: “É importante para os traballadores e traballadoras que se van beneficiar dun xeito directo; importante para a Deputación de Lugo e a administración local, porque avanzamos na estabilidade no emprego público; e importante para os veciños e veciñas da provincia, porque esta aposta pola estabilidade ten por obxectivo último seguir avanzando na mellora da prestación dos servizos públicos e o noso traballo de cooperación cos concellos”.
José Tomé incidiu na relevancia do acordo “porque senta as bases do proceso que sacaremos adiante a través da Oferta Pública de Emprego deste ano 2022 para a estabilización dun total de 110 prazas”, engadiu o Presidente, quen apuntou que se trata “dunha mellora significativa das condicións laborais de máis dun cento de persoas, ás que daremos estabilidade e seguridade no emprego”.
“Facémolo cumprindo co espírito da nova Lei e dende o convencemento de que a estabilidade laboral e as boas condicións de traballo son fundamentais para asentar e consolidar uns servizos públicos modernos, áxiles, de calidade, e capaces de evolucionar de acordo coas necesidades da cidadanía”.
A Oferta Pública de Emprego da Deputación de Lugo deste ano 2022 incluirá, a maiores da estabilización de 110 prazas ocupadas ata o momento por persoal temporal, un total de 19 prazas de acceso libre.