A Deputación promociona na Feira do Libro de Cervantes a Guía do Románico dos Ancares

LugoXa
A Deputación de Lugo promociona na Feira do Libro de Cervantes a Guía do Románico dos Ancares que vén de editar
DIA DO LIBRO CERVANTES
22 Abr 2023

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participou no acto, no que felicitou ao alcalde, Benigno Gómez, por esta iniciativa, que “busca promover a cultura, un factor fundamental, xunto cos servizos públicos e o emprego, para que o rural teña futuro”.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participou este venres na Feira do Libro de Cervantes, unha cita para a que a institución cedeu exemplares da Guía do Románico de Sarria, Os Ancares e O Courel, unha publicación que vén de editar e que foi presentada esta mesma semana como parte dun proxecto máis amplo, que inclúe tamén volumes sobre o patrimonio deste estilo arquitectónico en Lugo, A Ulloa e A Mariña.

Pablo Rivera felicitou ao alcalde, Benigno Gómez, pola Feira do Libro, que “busca promover a cultura, sobre todo acercar aos máis pequenos ó mundo da lectura e a escritura”, un factor “fundamental para que o rural teña futuro”. “Dende a Deputación de Lugo defendemos sempre que o rural necesita servizos públicos, infraestruturas e emprego, pero precisa tamén ver garantido o seu acceso ó ocio e á cultura, e ter a posibilidade de que a actividade cultural do rural se integre nas grandes redes provinciais e nacionais”, subliñou o deputado.

O deputado recordou que a cultura é un “ben en si mesmo, pero tamén un elemento co que artellar unha oferta turística de calidade, ampliando as posibilidades de emprego e creación de riqueza no rural”.

Así mesmo, Pablo Rivera felicitou aos nenos e nenas gañadores e participantes no concurso de relatos e debuxos, e puxo en valor a figura do pregoeiro desta edición da feira, Xosé Benito Reza, enxeñeiro de montes e escritor galego.

0.16545104980469