A Deputación promove o Bonito de Burela cunha 'showcooking' en San Marcos

A Praza de San Marcos de Lugo acolleu unha 'showcooking' organizada pola Deputación de Lugo para promocionar o Bonito de Burela, un acto que serviu de antesala á 39ª edición da Feira do Bonito, que se celebrará os días 2 e 3 de agosto na vila mariñeira.
O evento reuniu a centos de persoas que puideron degustar ata 300 petiscos elaborados con este peixe estrela, da man de recoñecidos chefs lucenses.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Burela e deputada de Economía, Carmela López Moreno, participaron neste showcooking, que tamén contou coa presenza da presidenta da asociación Ledicia, Rocío Rivera Seara, así como representantes da Fundación Expomar, da Confraría de Pescadores e dos armadores de Burela.
Durante o acto, José Tomé puxo en valor o apoio da institución provincial aos produtos do territorio, destacando que respaldar o bonito de Burela supón “apostar polo futuro da Mariña, dos seus portos, das súas familias e dunha economía que depende do mar, pero tamén do valor que como sociedade lle damos aos seus recursos”.
Pola súa banda, a rexedora burelá subliñou a importancia deste tipo de iniciativas para impulsar a gastronomía e o sector pesqueiro local, que considerou “parte esencial da identidade e da economía da vila”. Carmela López destacou que “o bonito non é só un produto: é tradición, é parte da historia de Burela, é o noso presente e tamén o noso futuro”, e aproveitou para convidar a veciñanza e visitantes a achegarse á Feira do Bonito e á comarca durante o verán “para saborear este manxar que nos identifica e fala da nosa maneira de vivir o mar”.
A demostración culinaria estivo a cargo de tres recoñecidos cociñeiros da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo. Alejandro Méndez, do restaurante Cachivaches, presentou un Rock and Roll de bonito picante con pak choi e sésamo; Pablo Vila, do Hotel OCA, elaborou un bonito curado con aguachile de pementos de Mougán; mentres que Juan Rubiños, do restaurante Farabutto, optou por un bonito en escabeche acompañado de crema de aguacate, kikos e menta fresca. Os pratos combinaron tradición, innovación e produto de proximidade.
O presidente da Deputación destacou que esta actividade é unha antesala da Feira do Bonito de Burela, unha cita que cada ano congrega a milleiros de persoas e que se consolida como referente gastronómico e cultural en Galicia. Tamén aproveitou para recoñecer o traballo dos profesionais da cociña lucense, resaltando que “o sector está nun momento de esplendor grazas a unha nova xeración que aposta polos produtos locais, pola innovación e pola defensa da nosa identidade culinaria”.
José Tomé concluíu asegurando que a Deputación continuará apoiando iniciativas que contribúan a poñer en valor os produtos da provincia e reforcen os vínculos entre os sectores produtivos, a hostalaría e as institucións, promovendo un modelo sostible e respectuoso coa identidade local.