A Deputación promove un plan "pioneiro" de formación para os seus traballadores

LugoXa
É un plan pioneiro polas características da formación e polo alcance, xa que chegará a máis da metade dos empregados do ente provincial
12 Feb 2021

A Deputación de Lugo porá en marcha, o vindeiro mércores, un plan de formación pioneiro en Galicia dirixido aos traballadores e traballadoras públicos da institución provincial. Trátase dunha Acción Formativa para o Procedemento de Promoción Interna Horizontal, na que poderán participar 321 empregados da entidade, máis da metade da plantilla.

O presidente provincial, José Tomé, asegurou que é a "primeira vez na historia da Deputación" que se leva a cabo unha acción deste tipo, "que tamén é pioneira entre as administracións públicas de Galicia, tanto polas características da formación, como polas súas dimensións e alcance”, en tanto que chegará a máis da metade dos traballadores da institución.

Con este plan, a Deputación cumpre un dobre obxectivo: " por un lado, damos ferramentas aos empregados e empregadas públicas da Deputación para progresar na súa carreira profesional a través da mellora das súas competencias e capacidades e, ao mesmo tempo, melloramos o funcionamento da Deputación, e, polo tanto, a atención aos concellos e á cidadanía, e a prestación dos servizos públicos. Uns servizos públicos que, unha vez máis, se demostrou que son o único escudo eficaz e universal para facer fronte ás crises. O que de verdade garante a igualdade de dereitos e de oportunidades dos cidadáns”, explicou Tomé.

Co Plan de Formación para a Promoción Interna Horizontal, a institución provincial fai realidade un acordo da Mesa Xeral de Negociación (o órgano de diálogo entre a Administración pública e os representantes sindicais) que levaba tempo pendente de materializar.

TRES NIVEIS DE FORMACIÓN

Os cursos, que comezarán o vindeiro mércores 17 de febreiro, prolongaranse ata o mes de maio e contarán con tres niveis, en función dos distintos grupos de clasificación profesional dos funcionarios. Haberá catro módulos que tratarán sobre a propia Deputación, recursos humanos, procedemento administrativo e novas tecnoloxías. Impartiranse 8 edicións dos distintos cursos, que en total suman 320 horas de formación.

Co fin de facilitar a participación, que será de "carácter voluntario", e co fin de extremar a prevención ante a pandemia da covid-19, a formación desenvolverase de xeito telemático.

0.1945960521698