A Deputación publica unha guía para promocionar o Románico na Ulloa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou a Guía do Románico da Ulloa, editada pola institución provincial, nun acto público celebrado na tarde deste xoves na igrexa de San Cristovo de Novelúa, en Monterroso, coa presenza de veciños e veciñas, e colectivos da zona. Trátase dun novo tomo dun proxecto editorial máis amplo, Lugo Románico, emprendido pola Deputación o pasado ano, e do que forman parte un total de catro volumes para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio deste estilo arquitectónico no conxunto da provincia.
A Guía do Románico da Ulloa editada pola Deputación “é un repaso rigoroso, pero tamén moi ameno polo rico legado románico de Monterroso, de Palas de Rei e de Antas de Ulla”, explicou o presidente, quen indicou que esta publicación “está pensada cun claro criterio de utilidade, adaptada ó perfil dos turistas actuais, que buscan nas redes sociais e se orientan co GPS. Turistas que dedican as súas vacacións a coñecer máis a arte e os monumentos, pero tamén eses outros que buscan unha oferta atractiva para a súa escapada de fin de semana”.
O volume, do que a Deputación editou 1.000 exemplares, recolle información e textos sobre 55 edificación deste estilo artístico da Ulloa, e súmase ó da Ribeira Sacra, xa editado, e ós dedicados ós Ancares, Courel e Sarria, e á Mariña, que se publicarán proximamente.
Miguel Mendoza é o autor dos textos, que están ilustrados con fotografías de Pepe Tejero e de Roberto Díaz, e que están en galego, castelán e inglés.
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou na presentación, á que acudiron así mesmo os alcaldes de Monterroso e Palas de Rei, Rocío Seijas e Pablo Taboada, respectivamente; o delegado episcopal de liturxia, relixiosidade popular e patrimonio histórico artístico da Diocese de Lugo, José Antonio Ferreiro Varela, e o director do departamento de patrimonio histórico artístico, Jesús Salvador.
O presidente da Deputación subliñou que a guía do románico da Ulloa que lanza a Deputación servirá para impulsar a comarca como destino turístico. Neste sentido, precisou que a publicación “forma parte da ampla estratexia que desenvolvemos para promover o noso rico patrimonio como un poderoso reclamo turístico, ó redor do que seguir consolidando unha oferta de calidade, sostible, non masificada e de experiencias. Un modelo de turismo que coida o medio ambiente e o patrimonio, e que deixa valor no territorio en termos económicos e de emprego, o que contribúe a fixar poboación”.
Desta forma, ademais das guías do románico, José Tomé lembrou que a Deputación lanzou na Feira Internacional de Turismo (FITUR) a campaña Lugo, Provincia Románica, protagonizada polo actor soberino Chechu Salgado, gañador dun Goya no 2022; no ano 2020 a institución conseguiu integrar á provincia na Ruta Transrománica de Europa, o itinerario máis importante ligado a este estilo artístico en todo o continente; e organiza rutas gratuítas polo patrimonio románico nas distintas comarcas.
Así mesmo, destacou que a Deputación segue avanzando na creación do Parque Central de Galicia, “un espazo público co que poñemos en valor o centro de xeográfico da comunidade autónoma, e que precisamente está dirixido a dinamizar o lecer dos veciños e a economía da
comarca a través da promoción do territorio e do turismo”. Recordou ademais a recente solicitude da institución ó Ministerio de Industria, Comercio e Turismo dun millón e medio de euros para desenvolver na comarca da Ulloa un Plan de Sostibilidade Turística.
“Toda unha serie de accións”, incidiu, “que impulsamos para converter a conservación e a promoción do patrimonio nun revulsivo social e económico para a provincia”.