A Deputación realiza melloras na estrada de Ligonde, en Monterroso
A Deputación continúa mellorando, cun investimento de preto de 200.000€, a estrada provincial LU-P-3305, que une a parroquia monterrosina de Ligonde con Sastrexas.
José Tomé, xunto á voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, detallou en Monterroso que as obras xa están en fase de licitación, polo que nas vindeiras semanas se adxudicarán. O proxecto afecta a algo máis de 3 quilómetros da estrada, entre os puntos quilométricos 5,3 e 8,9. As tarefas consistirán na limpeza de laterais e obras de drenaxe, tamén se pavimentará con aglomerado en quente e sinalización mediante marcas viais reflexivas brancas. Unha vez iniciadas as obras, o prazo de execución é de 2 meses.
Estes traballos dan continuidade a outros realizados pola Deputación nesta mesma estrada entre o quilómetro 4 e o 5,3 cun investimento de máis de 83.000 €. Consistiron na ampliación da plataforma ata acadar os 5 metros de ancho, na reposición das obras de drenaxe existentes, e tamén na pavimentación e sinalización horizontal correspondente.
O mandatario provincial subliñou na visita a importancia desta actuacións porque se trata dunha estrada moi transitada pola veciñanza, co que gañarán seguridade e comodidade nos seus desprazamentos.
José Tomé Roca subliña que con estas obras na rede viaria provincial, a máis extensa de España, con máis de 4.200 quilómetros, e tres veces superior á da Xunta en Lugo, a Deputación de Lugo segue traballando “nun dos nosos principais obxectivos, como é a mellora das comunicacións viarias, necesarias para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e favorecer a igualdade de oportunidades e o reequilibrio territorial”.
Con esta nova colaboración económica que fai agora a Deputación de Lugo, o investimento da institución en Monterroso no que vai de mandato é de 2,5M€, un recursos que inxectou a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos, melloras de estradas, creación de emprego, colaboración co tecido asociativo da localidade, entre outras accións que repercuten no día a día da xente.