A Deputación reclamará á Xunta máis financiamento para o SAF

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación de Lugo reclamará á Xunta de Galicia que incremente a financiación para o Servizo de Axuda no Fogar logo de dez anos.
PLENO VIRTUAL DEPUTACION
24 Feb 2021

A Deputación de Lugo reclamará á Xunta de Galicia que incremente a financiación para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) logo de levar dez anos destinando os mesmos recursos. Así o acordou este martes o Pleno provincial coa aprobación dunha moción socialista que contou co apoio do BNG e abstención do PP, que pretende reforzar un dos piares do estado de Benestar na provincia. Na sesión plenaria celebrada  de maneira telemática saíu adiante tamén unha moción do PSdeG reclamando un novo modelo eólico.

Respecto do SAF, o acordo chegou logo da moción do PSdeG que defendeu o Deputado Pablo Rivera. O responsable provincial da área de Promoción Económica e Social lembrou que este servizo ten por obxecto previr e atender situacións de necesidade prestando apoio de carácter doméstico, social, educativo, rehabilitador ou técnico e acusou ao Goberno autonómico de “mala praxe” por traspasar a responsabilidade aos Concellos sen axudarlles coa financiación.

“Basta xa de cargar ós concellos e ós veciños con responsabilidades e custos que non lles corresponden”, denunciou Rivera, que lamentou que a Xunta de Galicia manteña conxelado, dende fai dez anos, o financiamento do SAF. O Deputado socialista reprochou que o Goberno autonómico, cun orzamento de 11.563M€ destine 9,70 euros por hora para este servizo que ten un custe real de entre 18 e 22€, sendo os concellos e as persoas os que asumen ese desfase. Defendeu o responsable de Promoción Económica e Social que, cun presuposto de só 92,5M€, a Deputación de Lugo dedica ao SAF case 12€/hora nos orzamentos 2021.

Pablo Rivera explicou que as competencias en materia de Servicios Sociais están atribuídas á Xunta, e que o seu traspaso ás entidades locais, segundo recolle a Lei, “deberá ir acompañada da transferencia dos medios económicos, materiais e persoais que resulten necesarios para o seu adecuado exercicio”. Citou o responsable de Promoción Económica e Social que segundo o informe da FEGAMP sobre as repercusións da Covid-19 nos servizos sociais galegos, a pandemia veu sobrecargar aínda máis as arcas locais e que os concellos galegos recibiron, só na primeira ola, 17.317 solicitudes de novos usuarios de servizos sociais ou novas demandas de axudas.

OPOSICIÓN

O Grupo Provincial do Partido Popular abstívose nas dúas iniciativas do goberno sobre a atención a domicilio porque, segundo apuntaron os deputados encargados da súa defensa, Javier Castiñeira e José Antonio García, reflicten “o discurso catastrofista da xestión que fai a Deputación da política social e falta esixir a responsabilidade ao Goberno de cumprir o compromiso de financiar o 50% desta prestación”.

Os populares argumentaron esta afirmación con datos obxectivos e reais. Concretamente, a Xunta de Galicia aumentou un 40% o número de prazas en residencias o pasado ano. Nos centros de día da provincia, pasouse de 200 a 608. Ademais, apuntou Castiñeira, “somos líderes nacionais na cobertura do SAF, con 39 horas ao mes por usuario, e con 7.236 horas de teleasistencia”.

“Pola contra, engadiu Castiñeira, a vostedes sempre lles pasa igual, que non predican co exemplo”. E é que, segundo apuntou García, existe un acordo da Deputación de 2009, no que, precisamente, se lle reclamaba ao Goberno dita aportación. “

Se queren dar uns servizo público e gratuíto deberían de empezar polas residencias. Acaban de sacar as concesión cun modelo mixto ou de copago”. “É dicir, continuou o voceiro do PP, en resposta á representante do BNG, vostede ten unhas gafas para a noite e o día, en función de se critican á Xunta ou non”. A este respecto, Castiñeira criticou que “sexa o Partido Socialista o que omita que a administración central non teña responsabilidades, cando o dixo o propio vicepresidente”.

MODELO EÓLICO

A Corporación Provincial acordou tamén que a Deputación de Lugo defenda a necesidade dun novo modelo eólico. A institución reclamará á Xunta que modernice o ordenamento do sector conxugando o respecto medioambiental co desenvolvemento enerxético e a creación dunha oficina de asesoramento técnico, administrativo e medioambiental para concellos e comunidades afectadas por procesos de desenvolvemento de actividade eólica no seu territorio.

O Deputado Pablo Rivera sostivo que Galicia coñeceu un forte desenvolvemento da enerxía eólica ata o 2008 grazas ao marco regulador que favorecía o seu aproveitamento e a aposta dos gobernos progresistas polas enerxías renovables, pero que con Feijóo na Xunta, “entre os anos 2009 e 2018, só se instalaron en Galicia 277Mw de potencia eólica” por falta de plan industrial.

“Aos propietarios dos terreos non se lles ofrece información ou asesoramento como alternativas á expropiación nin ás eólicas se lles ofreceu marco regulador axeitado nin planificación”, lamentou Rivera, que reprochou que estas carencias derivan en que moitos dos parques acaben instalados en territorios de Rede Natura, provocando que colectivos ecoloxistas se manifesten contra unha enerxía renovable. Tamén expuxo o socialista que os concellos que albergan os parques reciben unha porcentaxe mínima dos beneficios xerados, porque a Xunta “incumpre a súa propia lexislación sobre o canon e o Fondo de Compensación Ambiental”.

23F

Ao inicio do Pleno deste martes, o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, fixo alusión á conmemoración no día de hoxe dos 40 anos da intentona golpista do 23F: “Celebrar un Pleno provincial é sempre unha pequena celebración da normalidade democrática. É o xeito de levar a cabo o mandato que cada un de nós ten encomendado polos veciños e veciñas, que elixiron libremente nas urnas aos seus representantes municipais. Así que, vanme permitir que hoxe, que é 23F, lles saúde dun xeito especialmente cordial e que lles invite a que renovemos o noso compromiso coa democracia. Unha democracia que resistiu hai 40 anos un feroz ataque frontal, e que temos a obriga de reforzar cada día co noso traballo cotián”.

0.17549991607666