A Deputación rehabilita a vía que enlaza A Fonsagrada con Negueira
A Deputación de Lugo rehabilitará con 95.000€ a estrada provincial LU-P-3601, que conecta O Acebo, no concello da Fonsagrada, con Negueira de Muñiz e que descorre limítrofe co Principado de Asturias. A Xunta de Goberno vén de sacar adiante a licitación destas obras, que comprenden desde o punto quilométrico 1,823 ata o 3,1. Unha vez iniciadas as obras o prazo de execución será de 3 meses.
Os traballos contemplan a apertura de cunetas, limpeza e drenaxe transversal; executarase unha nova cuneta de formigón e tamén un espazo para a circulación de peóns na marxe esquerda. Ademais pavimentarase o firme, sinalizarase con marcas reflexivas brancas e instalarase unha barreira metálica.
Trátase dunha estrada de montaña que en boa parte do seu percorrido descorre enriba dos 1.000 metros e que está moi exposta ás nevaradas durante o inverno. A vía vertebra ademais unha zona na que conflúen catro reservas da biosfera: Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Ancares Leoneses; e a Reserva da Biosfera asturiana Bosques de Muniellos, Fuentes del Narcea, Degaña e Ibias.
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, sinalou que esta é unha actuación moi importante para a veciñanza, os visitantes e os peregrinos, “porque o alto do Acebo é a porta de entrada do Camiño Primitivo en Galicia desde Asturias”. Engadiu que a LU-P-3601 dá servizo tamén a diferentes rutas de sendeirismo, miradoiros e outros recursos turísticos da zona da Montaña.