A Deputación rehabilitará dúas estradas no concello de Lugo e reabre a ponte de Maceda

LugoXa
A Deputación rehabilitará dúas estradas provincias no concello de Lugo e ven de abrir ao tráfico a ponte de Maceda
Ponte maceda deputacion
19 Feb 2023

A Xunta de Goberno aprobou outras obras no concello de Lugo, como é a licitación do contrato para a rehabilitación de dous quilómetros da estrada provincial LU-P-2903, de Carballido a Poutomillos por Santalla de Bóveda. O proxecto, que ten un orzamento que supera os 125.000€ e un prazo de execución de dous meses, afectará ao tramo comprendido entre o punto quilométrico 5,7 e 7,7, e consiste na reapertura de cunetas, pavimentación e sinalización horizontal.

En materia de estradas, o Executivo acordou a licitación do contrato para a rehabilitación do firme da LU-P-2801, de Santo Tomé a Mazo por Augaxosa. Esta actuación, que afecta ao treito que vai do punto quilométrico 0,9 ao 3, ten un orzamento de 185.000€ e un prazo de execución de 2 meses.

A Deputación de Lugo ven tamén de reabrir ao tráfico a ponte de Maceda, no concello do Corgo, logo de reparar, nun prazo de 20 días, os danos que ocasionaron neste punto da LU-P-1611, coñecida como o cinto comarcal, as fortes chuvias que se produciron no Nadal.

Por indicacións do Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, a institución provincial, que destinou arredor de 40.000€ a estas obras, procedeu á reparación utilizando un procedemento de emerxencia para dar unha solución áxil e causar o mínimo prexuízo posible á veciñanza que utiliza a diario esta estrada provincial.

Os traballos afectaron ao treito comprendido entre os puntos quilométricos 7,7 e 8,7, que se viu danado polo corremento de terras que ocasionaron as intensas precipitacións. En concreto, consistiron na reposición da calzada tras o afundimento do arco metálico da ponte.

Este cinto comarcal rodea á capital lucense e atravesa os concellos de Begonte, Friol, O Corgo, Guntín, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito e Outeiro de Rei. Trátase dunha estrada moi empregada polos veciños e veciñas da provincia.

0.19488501548767