Abrirá un novo GES en Friol para atender a 5 concellos
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; e o conselleiro do Medio Rural, José González, asinaron hoxe cos concellos e as deputacións provinciais a addenda ao convenio de colaboración para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES). No acto participaron o presidente da Fegamp, Alberto Varela, e os presidentes das deputacións de Ourense e Lugo, Manuel Baltar e José Tomé respectivamente. Tamén asistiron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.
A addenda a este convenio supón un incremento por parte da Xunta no financiamento destes grupos en case 300.000 euros, de forma que o investimento anual do Goberno galego nestes servizos acadará os 4,8 millóns de euros, máis da metade do seu custo anual.
Este aumento obedece á incorporación de novos GES tras o acordo o pasado novembro entre a Xunta, as deputacións provinciais e os concellos a través da Fegamp para dar unha atención eficaz aos cidadáns ante calquera emerxencia.
Así, a comunidade galega contará con 5 novos GES: 2 na provincia de Ourense con sedes en A Veiga e Maceda e 3 na de Pontevedra con bases en A Lama, A Cañiza e Mos/Redondela, este último cunha subsede en cada un dos dous municipios. A eles súmase o servizo supramunicipal no concello coruñés de Noia. Cos novos servizos, o mapa de emerxencias de Galicia contará con 29 GES e 4 servizos municipais que cubrirán 190 concellos.
A addenda tamén establece un novo emprazamento, en Friol ao GES que daba cobertura a zona sur da Terra Chá e que agora atenderá aos concellos de Begonte, Friol, Guitiriz, Palas de Rei e Outeiro de Rei.
O investimento total dos GES desde a súa creación supera os 48 millóns de euros para o seu funcionamento, así como na formación dos seus efectivos na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e na dotación de material. De feito, en canto ao apoio en equipamento, a Xunta leva máis de 8 millóns de material cedido, incluíndo as entregas previstas para este ano cun orzamento de 3,1 millóns de euros.
DEPUTACIÓN DE LUGO
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes na Cidade da Cultura, en Santiago, unha addenda ao convenio de colaboración para o funcionamento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) xunto ao Vicepresidente 1º da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o Conselleiro de Medio Rural, José González, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e o Presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar.
Esta modificación do convenio permitirá ampliar a área de actuación deste servizo e optimizará a xestión dos recursos para acurtar o tempo de resposta. Tomé Roca salientou que “se seguirá mellorando a cobertura e a operatividade dos GES” a nivel autonómico.
O Presidente puxo en valor o espírito co que foron creados os GES. “Son unhas unidades de prevención e de emerxencias que resultan fundamentais nunha provincia como a nosa, que ten un marcado carácter rural e que conta cunha dispersión poboacional moi importante; prestan atención a uns concellos que na súa maioría son de pequeno tamaño, e que por si mesmos non terían capacidade, nin para crear, nin para manter o servizo; e que materializan e poñen en valor a cooperación e a solidariedade intermunicipal e a cooperación interadministrativa, que dende a Deputación de Lugo consideramos importantes”.
A Deputación de Lugo achega preto de 800.000€ ao ano para o funcionamento dos GES, o que equivale a practicamente ao 1% do Orzamento da Deputación de Lugo. A institución provincial lucense converteuse no 2016 na primeira institución provincial de Galicia que asumiu o custe municipal dos GES, lembrou o Presidente, de tal maneira que os concellos “poidan ofrecer este servizo de prevención e de atención a emerxencias a custe cero”.
“É moi importante poñer sempre as cifras en perspectiva e, tamén, é moi importante poñer en valor o que significa manter os compromisos nunha época excepcional como a que vivimos debido á pandemia”, concretou e detallou o Presidente, dado que “as entidades locais asumimos moitos gastos extraordinarios debido á Covid-19, como por exemplo, a desinfección dos colexios, a compra de material de protección ou medidas de apoio aos sectores económicos, sobre todo os máis afectados polas restricións sanitarias, sen percibir, en cambio, ningún fondo extraordinario para poder afrontar eses novos gastos”.
Colaboración leal
Na súa intervención, Tomé Roca insistiu en que as administracións públicas deben colaborar e nese camiño sempre “van atopar á Deputación de Lugo”. “Pero unha colaboración leal, como demanda a cidadanía, debe incluír o compromiso de revisar, dunha vez por todas, a situación das facendas locais”. Nese senso, o Presidente concretou que se “deben recoñecer as competencias impropias que os concellos vimos asumindo e desenvolvendo en asuntos como os servizos sociais, a dependencias ou a atención aos maiores, entre outros”. “Unha proposta de colaboración leal debe buscar, tamén, que a participación económica se faga dun xeito proporcional aos orzamentos, para que achegue máis quen ten máis fondos e quen ten as competencias, de xeito que non acaben pagando sempre os concellos, sen ter unha financiación axeitada, que é a materia pendente da democracia”, explicou José Tomé.