A Deputación renova o convenio de apoio ao Campus da USC en Lugo

A Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela renovaron hoxe un convenio de colaboración que permitirá achegar 370.500 euros ao Campus de Lugo, co obxectivo de potenciar a excelencia académica e financiar múltiples iniciativas de investigación, divulgación científica e formación práctica do alumnado.
O acordo abrangue actuacións en institutos, centros de investigación e estacións biolóxicas, melloras nas infraestruturas do campus, apoio á difusión das titulacións, actividades en museos e prácticas na Granxa Gayoso Castro.
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, subliñou o compromiso da institución co ensino superior público, lembrando que a Deputación de Lugo é a administración local española que realiza a maior achega económica á universidade. Destacou tamén que este apoio favorece a atención individualizada do alumnado, o reforzo das infraestruturas e a innovación tecnolóxica.
Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López Díaz, resaltou a importancia da colaboración institucional para impulsar a investigación e a transferencia de coñecemento nos eidos agroalimentario e forestal, así como para promover prácticas profesionais que favorezan a inserción laboral do estudantado. López Díaz agradeceu a continuidade do apoio da Deputación e a repercusión social que ten o convenio para a cidade e o Campus de Lugo.