A Deputación renovará a rúa General Portomeñe de Antas
A Deputación de Lugo investirá 106.000€ para mellorar a rúa General Portomeñe en Antas de Ulla, una vía que forma parte da estrada provincial LU-P-4002. A Xunta de Goberno vén de aprobar a licitación desta actuación, que comprende o tramo final da vía, ao seu paso polo casco urbano de Antas, entre os puntos quilométricos 10,470 e 11,640. Unha vez iniciadas as obras, o prazo de execución será de 3 meses.
Os traballos consistirán na apertura de cunetas, limpeza, drenaxe, e pavimentación. Tamén se dotará á estrada de tres pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade da zona, pintado con marcas reflexivas brancas e instalación de sinais verticais.
Unhas melloras que completarán ás xa feitas recentemente pola Deputación de Lugo nesta estrada provincial cun investimento de preto de 90.000€ e que consistiron na ampliación da plataforma da estrada entre o ensanche e o entronque co núcleo de San Martiño de Vilapoupre, pasando dos 4,6 aos 6 metros de ancho.
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, apuntou que estes traballos teñen o obxectivo de mellorar a comodidade e a seguridade dos usuarios desta vía, “unha das que rexistra máis tráfico no concello de Antas de Ulla, porque é un tramo que discorre polo casco urbano do municipio”.
Tomé Roca engadiu que estas melloras beneficiarán de xeito directo aos máis de 2.000 veciños e veciñas deste concello, pero tamén á veciñanza de toda a comarca, porque é o principal nexo de unión entre o concello de Antas e o de Palas de Rei e tamén é o xeito máis directo para conectar a comarca coa autovía A-54 a Santiago.