A Deputación repara máis de 11 km de estradas en Castroverde
A Deputación de Lugo iniciou este mércores a reparación do firme de máis de 11 quilómetros da estrada provincial LU-P-1201, que une os núcleos de Miranda, Cellán de Mosteiro, A Pumarega e San Xulián de Pereiramá, no concello de Castroverde. Os traballos teñen un orzamento de preto de 43.000€ e afectan ao treito da vía comprendido entre os puntos quilométricos 3,8 e 14,9.
O proxecto que acometerá a institución provincial ten un prazo de execución dun mes e inclúe a reparación e repavimentación de baches, mordentes, afundimentos e defectos similares, así como a repavimentación de zonas degradadas mediante a execución dun dobre tratamento superficial e aquelas con máis degradación, e mesmo perda de árido como peladuras, mediante a execución dun triple tratamento superficial.
A mellora desta vía é moi importante porque dá servizo aos numerosos veciños e veciñas que transitan por ela a diario, así como a explotacións gandeiras e empresas da zona. Uns traballos que se enmarcan dentro da política de mellora da mobilidade impulsada polo goberno provincial e que reverte na seguridade viaria da veciñanza, ademais de beneficiar a súa comodidade ao poder circular por un firme rehabilitado sen as deterioros que presenta actualmente a estrada polo paso do tempo.
O proxecto tamén contempla melloras noutra estrada de Castroverde, a LU-P-1204, que une os núcleos de Bolaño, Bitureiro e Outeiro, no treito comprendido entre os quilómetros 4 ao 4,2. Tamén se executarán melloras na vía provincial LU-P-1211, que transcorre polo Coto, Porcín e Arrubial, e serve de punto de comunicación entre os concellos de Castroverde e O Corgo. Nesta vía os traballos execútanse do quilómetro 1,9 ao 2.
A Deputación de Lugo ten como un dos eixos prioritarios a mellora da mobilidade na provincia. Estas obras son significativas para esta comarca, xa que as actuacións redundarán directamente no obxectivo que se marca a institución de camiñar cara o equilibrio territorial, imprescindible para o futuro do rural lucense.