A Deputación reparará a fachada do Pazo de San Marcos

LugoXa
Vaise arranxar a fachada do Pazo de San Marcos e as obras inclúen a limpeza , saneamento, eliminación de humidades e filtracións..
Pazo San Marcos Lugo
20 Ago 2021

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou a licitación dun proxecto por importe de 120.000 euros para a reparación e o acondicionamento da fachada do Pazo de San Marcos, sede da institución provincial. O histórico edificio presenta deterioro nalgunhas zonas debido ao paso do tempo, que se solucionarán con estes traballos. 

Tomé Roca sinalou que se trata dunhas obras “moi importantes para o mantemento do Pazo”, como son a limpeza da fachada e da súa mampostería, o saneamento de fisuras e gretas, a eliminación de humidades e de filtracións de auga e o pintado das paredes.

O proxecto tamén inclúe a colocación na fachada unhas letras en aceiro pintado co texto Deputación Provincial de Lugo, que xa existían antes da remodelación da Praza de San Marcos, e que identificarán á institución que alberga o Pazo, algo “necesario, xa que a xente que nos visita moitas veces non sabe que é realmente este edificio”, apuntou o Presidente.

Estes traballos completaranse coa reparación da pintura do Salón de Plenos, que presenta zonas afectadas pola antiga presenza de humidades.

Con este proxecto, que ten un prazo de execución de tres meses dende o inicio das obras, continúase a mellora do edificio, que xa comezou o ano pasado coa renovación da cuberta, que contou cun investimento de case 350.000 euros.

O presidente quixo destacar que “con todas estas actuacións, ademais de garantir a conservación do Pazo de San Marcos, tamén contribuiremos a darlle unha maior prestancia a este edificio histórico”.

O Pazo de San Marcos foi deseñado no seu proxecto inicial polo arquitecto Ángel Cosín y Martín en 1866, mentres que a fachada actual foi deseñada a finais do século XIX polo arquitecto Nemesio Cobreros. Naceu como hospital e posteriormente serviu de biblioteca, instituto e, agora, sede da Deputación Provincial.

0.15907001495361