A Deputación triplica o importe da súa colaboración co Arde Lucus

LugoXa
A Deputación triplica o importe da súa colaboración co Arde Lucus aportando 100.000€ para o seu impulso como Festa de Interese Internacional
deputacion lara tome romanos arde lucus
20 Jun 2023

A Deputación de Lugo triplica o importe da súa colaboración económica co Arde Lucus aportando máis de 100.000€ para contribuír a que a cidade de Lugo viaxe esta semana dous mil anos atrás nesta importante festa de recreación histórica. Unha implicación da institución provincial que vén a reforzar o impulso deste evento, que este ano se estrea como Festa de Interese Internacional entre os días 22 e 25 de xuño.

A institución provincial asinou un convenio de colaboración co Concello de Lugo por un total de 118.000€, dos que a administración local achega 18.000€, co obxectivo de seguir impulsando esta festa. A Deputación de Lugo convértese así na principal institución colaboradora, tendo en conta que achega practicamente o 20% do orzamento do evento.

Entre as accións, inclúese a representación do circo romano que acolle a explanada do Pavillón Municipal, no que se implican as distintas asociacións da cidade. Trátase dunha das máis destacadas actividades do programa, na que, tanto a veciñanza, coma os visitantes poden desfrutar do espectáculo de pelexas de gladiadores e das carreiras de cuadrigas, reclamando a atención de centos de persoas que presencian esta vistosa representación.

Ademais, esta axuda da Deputación tamén serve para a organización dunha nutrida programación de actividades -máis de 400 se inclúen este ano en total- e da montaxe dos campamentos das 19 asociacións que conforman o Arde Lucus. Tamén se destina aos espectáculos de rúa e ao Macellum, que ocupa a praza Maior, e que é moito máis que un mercado da época: é un punto de encontro, un espazo onde nenos e adultos atoparán maxia, humor, teatro e múltiples sorpresas máis. A maiores, esta colaboración contribúe a reforzar a seguridade e a montaxe do sistema de electricidade para a celebración deste evento, aspectos fundamentais para o desenvolvemento desta festa con normalidade.

Un compromiso e esforzo da Deputación para que a cita se proxecte en todo o seu esplendor e, polo tanto, tamén con toda a súa capacidade como revulsivo económico para a cidade e a provincia. Nese camiño, a institución provincial ten un papel primordial como axente dinamizador e de posta en valor da cultura, a historia e o patrimonio, tanto material como inmaterial, sendo coñecedora de que se debe aproveitar toda esa riqueza para impulsar a economía, o sector hostaleiro, o comercio e o turismo.

Ademais, dende a institución destácase a capacidade do evento para involucrar ao conxunto da sociedade durante catro días, converténdoa en castrexos e romanos, dende a profesionalidade necesaria para manter o rigor histórico en cada actividade e acción que se organiza.

0.070720911026001