A Deputación triplicará as axudas ás asociacións das Reservas da Biosfera Terras de Miño e Os Ancares Lucenses

A Deputación de Lugo triplicará este ano as axudas destinadas ao tecido asociativo das Reservas da Biosfera Terras de Miño e Os Ancares Lucenses que xestiona a institución provincial.
Concretamente, a Deputación achegará un total de 340.000 euros ás entidades e colectivos sen ánimo de lucro que traballan nestes territorios a través de diferentes convocatorias.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou que a entidade provincial sacou unha nova convocatoria de axudas para financiar investimentos e outra para actividades.
En total serán 150.000 euros para investimentos que promovan a posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios. Concretamente, serán 100.000 euros para repartir en proxectos que se enmarquen na Reserva da Biosfera Terras do Miño e outros 50.000 euros para iniciativas que teñan que ver coa Reserva dos Ancares.
“Unha nova liña de axudas coa que damos un paso máis no desenvolvemento sostible da nosa provincia e na conservación e posta en valor das Reservas da Biosfera”, valorou o deputado, quen explicou que se trata dunhas axudas “que poñemos en marcha co obxectivo de complementar as xa existentes nestes territorios”.
Os solicitantes poderán recibir unha contía de entre 2.000 a 12.000 euros que servirá para a reposición de sendas e camiños; a conservación de elementos culturais e etnográficos como hórreos, pallozas ou muíños; proxectos que promovan a información e a divulgación do patrimonio das Reservas como páxinas webs ou aplicacións; ou iniciativas para o fomento de emprego e a produción local tradicional.
MÁIS AXUDAS PARA ACTIVIDADES
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou reforzar economicamente a liña de axudas destinada a financiar as actividades impulsadas por estas entidades.
O ano pasado contou cun orzamento de 110.000 euros e permitiu levar a cabo un programa de máis de 40 proxectos relacionados co lecer saudable e a educación ambiental.
“Este ano incrementaremos esta liña de axudas para as dúas Reservas nun 72 %, ata os 190.000 euros”, detallou Capón. Concretamente, serán 120.000 euros a repartir entre os colectivos que propoñan actividades para que se desenvolvan na Reserva da Biosfera Terras do Miño; e outros 70.000 euros para actividades que teñan lugar na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses.
Os solicitantes poderán pedir, un ano máis entre 1.000 euros e 7.000 euros por cada proxecto. Ademais, o prazo de presentación de solicitudes para optar a calquera destas axudas, tanto para financiar investimentos como para financiar actividades, será de 15 días hábiles a contar a partir do día seguinte da publicación destas convocatorias no Boletín Oficial da Provincia, prevista para mediados da próxima semana.