A Deputación comprometeuse co Día da Muller

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación organizou unha serie de actividades en toda a provincia e na capital para conmemorar o Día da Muller.
deputacion provincia 8m
9 Mar 2022

A Vicepresidencia lanza o proxecto “De muller a muller” con reflexións de medio cento de mulleres do rural sobre o camiño a andar para a igualdade real.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo presenta o proxecto “De muller a muller” integrado por corenta e oito entrevistas realizadas a mulleres de sectores moi diversos que residen en distintos núcleos poboacionais do medio rural que se difundirán na web e nas redes sociais desde este 8 de marzo. Na contorna do Día Internacional das Mulleres Traballadoras, esta iniciativa, cunha clara perspectiva de xénero, incita ao compromiso co medio rural desde o feminismo, cunha forte implicación respecto do repoboamento.

A través das experiencia vitais e das reflexións das entrevistadas, recollidas pola psicóloga e educadora Laura Pardeiro, autora do blog “Leiras e Marcos”, o proxecto ofrece modelos femininos no medio rural como unha resposta á necesidade que presenta a mocidade de configurar a súa identidade persoal e profesional, alén de difundir un rural innovador, diverso, tolerante e inclusivo.

Desde as aldeas do interior, ata a montaña ou ben a costa. Desde o sector pesqueiro, automobilístico, gandeiro ou forestal, a outros tan diversos como o marketing, a arte, a hostalaría, a ensinanza, a artesanía ou a música. Sectores tradicionalmente masculinos onde as mulleres xa son unha realidade, ocupando espazos que lles foron historicamente privados, e sectores femininos totalmente invisibilizados e infravalorados polo baixo prestixio sociocultural ligado ás profesións, remuneradas ou non, que tiñan que ver coas mulleres.

Corenta e oito mulleres das distintas comarcas narran a través dun formato de entrevista as súas experiencias persoais positivas como un xeito de minimizar os sesgos negativos que non se corresponden na súa meirande parte co devir cotiá. Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apóstase por dar visibilidade a historias de vida apegadas á terra e transgresoras co sistema de dominación masculina, tratando de reverter a percepción que se ten habitualmente sobre o medio rural para converter esta opción nunha oportunidade válida vencellada ao lugar de orixe.

A vicepresidenta Maite Ferreiro sinalou que “a difusión destes contidos supón unha reivindicación das distintas maneiras de vivir, presentando referentes en multitude de comarcas lucenses para trocar clichés sobre a muller no medio rural e posibilitar que a mocidade recolla o relevo xeracional e desenvolva os seus proxectos profesionais e persoais en lugares cheos de oportunidades.”

As mulleres que participan do proxecto responden a cuestións relativas á súa biografía, á visión da empregabilidade da muller no rural, ás opinións que lles merecen o sector primario e a cultura nestes espazos máis pequenos, á identidade rural e a un despoboamento acuciado pola falta dunha rede de servizos públicos de calidade descentralizada.

Historias de mulleres imprescindibles para o noso presente e futuro.

  • Branca Villares (Baralla), Cultura tradicional
  • Amelia Amigo (Noceda de Cervantes), Centro de Desenvolvemento Rural dos Ancares
  • Ana Díaz (As Pontes de Gatín – Becerreá), Márketing – Comercio electrónico
  • Ana Meitín (Portocelo – Xove), Percebeira
  • Anjhara Gómez (Vilanova – O Corgo), Reposteira
  • Antía Fernández (Sarria), Panadeira
  • Carlota Pérez (O Pincelo – Chantada), Turismo rural
  • Chelo López (O Páramo), Queixeira
  • Chusa e Carmela (O Coto – Palas de Rei), Industria agroalimentaria e cosmética natural
  • Cristina Fernández (O Cadramón – O Valadouro), Traballos forestais
  • Cristina Román (San Simón da Costa – Vilalba), Queixeira
  • Cándida Rodríguez (Fiolleda – Monforte de Lemos), Veterinaria
  • Dora Cabaleiro (Negueira de Muñiz), Sector Agrogandeiro
  • Mª Elena Martínez (Mondoñedo), Grupo de Desenvolvemento Rural da Mariña
  • Esther Teijeiro (Nogueira), Propietaria de adega na Ribeira Sacra
  • Iria Castro (Castroverde), Tradutora
  • Iria Vázquez (Vilalba), Sector Automobilístico
  • Isabel Calvete (San Román de Cervantes), Axente forestal
  • Isabel Gómez (Burgo de Negral – Friol), Sector Primario
  • Isabel Vilalba (Lourenzá), Gandeira, Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego
  • Laura Vallejo (Meira), Sector forestal, agroinfluencer
  • Leticia Fernández (A Fonsagrada), Propietaria dunha ferraxería
  • Lourdes Abuide (Castroverde), Xornalista e propietaria dun futuro espazo cultural
  • Lucía Canoura (Xove), Propietaria negocio hostalería
  • Mar Pérez (Friol), Docente e investigadora
  • Mari Carmen Sánchez (Navia de Suarna), Emprendedora sector embutidos
  • Marisol Pereira (Torés – As Nogais), hostaleira
  • Marta Álvarez (Monterroso), Gandeira, sector agroalimentario
  • María Jesús Alonso (Burela), Redeira
  • María Nogueira (Castroverde), Fotógrafa
  • María Varela (Pidre – Palas de Rei), Copropietaria Casa Rural
  • Miriam Fernández (Insua – Vilalba), Historiadora, sector textil
  • Modesta Álvarez (Pedrafita do Cebreiro), Propietaria queixería e Centro de Hospedaxe
  • Natividade Fernández (Chantada), Orientadora
  • Nieves Medina (Burela), Conserveira
  • Patricia Villagarcía (A Fonsagrada), veterinaria
  • Paula Carrera (Vieiros – O Courel), Educadora Social
  • Raquel Abraira (Meira), Pasteleira
  • Rocío López (Láncara), Escritora
  • Rosa Mar Maseda (A Fonsagrada), Gandeira
  • Sabela Núñez (Muimenta – Cospeito), Docente de Matemáticas
  • Silvia Pena (Palas de Rei), Xornalista
  • Silvia Saavedra (Navia de Suarna), Mestra de Educación Infantil
  • Ugía Pedreira (Vilaronte – Foz), Compositora, creadora, docente
  • Usoa Areitio (Ernes – Negueira de Muñiz), Sector alimentario
  • Verónica Marcos (Os Ancares), Presidenta de Fademur Galicia
  • Verónica Núñez (Espandariz, Quiroga), Artesá de conservas
  • Verónica Page (Mondoñedo), Artesá

A Deputación organiza na rede residencias a exposición As nosas mulleres e elabora un documental polo 8-M.

A Deputación de Lugo elabora estes días na rede de Centros de Atención a Maiores a exposición As nosas mulleres e grava un documental audiovisual polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Dúas actividades nas que os usuarios e usuarias xunto co cadro de persoal levan traballando dende mediados de febreiro ata a inauguración da mostra, que se fará este martes.

Nestas iniciativas traballan os centros de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde e Meira. A exposición consiste en elaborar unha pequena biografía de cada unha das mulleres que residen nos centros, expoñendo as súas principais virtudes e destacando a parte do corpo que máis lle gusta delas. Así mesmo, graváronse pequenas pezas audiovisuais onde se conta en primeira persoa quen é cada unha delas, repasando os seus principais fitos persoais e os gustos e afeccións, poñendo en valor aquelas características que as distinguen das demais.

Así mesmo, na residencia de Pedrafita do Cebreiro gravaron un documental audiovisual co título Sen pelos na lingua onde as persoas que residen no centro expresan e afondan sobre a igualdade, roles de xénero, violencia machista e outros temas que afectan á desigualdades entre homes e mulleres. Esta produción proxectarase en todos os centros de maiores da rede provincial este 8-M para crear un momento de reflexión e debate arredor da temática.

O obxectivo, explican dende a Deputación, é fomentar o benestar emocional e recoñecemento das mulleres dos centros, fomentar actitudes de igualdade e contribuír a crear un bo clima de solidariedade e convivencia. Tamén se considera relevante promover a educación en valores e a equidade de xénero mediante actividades que superen os estereotipos sociais ligados ao sistema sexo-xénero. Así mesmo, estímase oportuno crear as canles de comunicación axeitadas para fomentar a participación activa entre a comunidade de cada residencia, creando un sistema de relación xusto e respectuoso.

Con motivo deste 8-M tamén se fará nos centros a dinámica de grupo As mulleres de antes, de agora e sempre onde tamén se implicarán os equipos de terapeutas ocupacionais e traballadores sociais.

Pancarta e alumeado da fachada

Dende esta fin de semana e ata o venres, 11 de marzo, pendurarán da fachada do Pazo de San Marcos pancartas en cor violeta en reivindicación da igualdade de homes e mulleres co lema Querémonos vivas, libres e iguais. Esta noite e ata o xoves, 10 de marzo, alumearase o edificio desa mesma cor, como símbolo da aposta firme e decidida da institución en defensa dos dereitos, liberdades e a seguridade das mulleres.

Con Voz de Muller 8-M

A Deputación de Lugo organizou esta pasada fin de semana o ciclo de concertos Con Voz de Muller 8-M, unha nova iniciativa organizada por primeira vez este ano pola institución co fin de achegar aos concellos da provincia música en feminino nestas datas. A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, destaca a boa acollida dos concertos, onde se contou o venres con Laura LaMontagne & PicoAmperio en Vilalba; o sábado, con Uxía na Fonsagrada e De Vacas en Taboada; e o domingo con Habelas Hainas en Barreiros.

Declaración Institucional da Corporación

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou no Pleno ordinario de febreiro unha Declaración Institucional con motivo do 8-M, no que a institución reafirma o seu compromiso cos valores do feminismo, esenciais para acadar unha sociedade xusta, e incidindo en que “a igualdade, plena e efectiva, é un obxectivo social irrenunciable e unha necesidade para consolidar a calidade dos sistemas democráticos”.

Así mesmo, a institución provincial coorganizou xunto á Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur) a xornada A Forza das Mulleres Rurais, un encontro que se celebrou a finais de febreiro no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) e que reuniu a unhas 300 mulleres. Contou coa presenza da Vicepresidenta Terceira do Goberno de España e Ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera.

0.15947008132935