A descatalogación do edificio de Correos en Lugo, cada vez máis cerca

LugoXa
A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo remitiu ao Concello de Lugo a conformidade de todos os informes sectoriais
estacion tren lugo
4 Xul 2022

A descatalogación e derrubamento do edificio de Correos de Lugo, na estación de ferrocarril, cada vez está máis cerca; e, con iso, tamén, a construción da Estación Intermodal da capital.

Así o confirmou o Goberno autonómico, tras remitir ao Concello de Lugo o seu informe favorable definitivo que posibilita a descatalogación do edificio da sociedade postal. O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo enviou hoxe o documento que expresa a súa conformidade así como a de todos os informes sectoriais autonómicos recompilados durante o proceso.

Arias destacou a axilidade coa que o Goberno galego tramitou a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM) para excluír do inventario de inmobles catalogados este edificio; ao respecto, cómpre lembrar que se trata dunha construción posterior a 1977, ano no que foi publicada a obra, mentres que a contigua estación de ferrocarril data de finais do século XIX e conserva o nivel de protección debido ao seu valor cultural.

O pleno municipal aprobou inicialmente a modificación do PXOM nesa área o 24 de febreiro. Para elaborar este informe urbanístico autonómico, que permite a aprobación definitiva, foi preciso que previamente tamén estudaran a documentación e emitiran os seus respectivos informes a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, o e Instituto de Estudos do Territorio.

O delegado manifestou que “unha vez máis evidénciase a vontade da Xunta de colaborar para que o proxecto da intermodal sexa unha realidade dunha vez por todas”. Neste sentido, lembrou que “se perderon moitos anos pola obstinación do concello de non tramitar esta modificación do planeamento, que se completaba en cuestión de meses”.

Na mesma liña, sinalou que a Xunta se ofreceu a participar con 10,5 millóns de euros no financiamento do conxunto da intermodal, o que representa un 40% máis do que lle correspondería para financiar a nova terminal de autobuses, cun orzamento de 7,3 millóns de euros. Dese xeito, contribuirá a sufragar elementos complementarios como o aparcadoiro subterráneo proxectado.

Arias confía en que “o Concello e Adif cumpran igualmente con Lugo e se desbloquee por fin unha obra moi esperada e importante para a cidade, que en todo caso ten que vir parella á modernización dos servizos ferroviarios e ao cumprimento de tempos de viaxe competitivos”.

0.21160197257996