A Despensa do Saa acolle un encontro cos autores de 'Contos colorados'

A taberna cultural A Despensa do Saa será o escenario este sábado, 18 de outubro, dun encontro literario con Xoán Ramiro Cuba Rodríguez, Antonio Reigosa e Xosé Miranda, autores de Contos colorados, unha obra singular publicada por Valín Libros que reúne 290 narracións recollidas da tradición oral galega. A cita, organizada pola libraría Valín Libros, comezará ás 19:30 horas no local situado na rúa Salvador de Madariaga, número 8, en Lugo.
Contos colorados compila relatos populares que “falan, insinúan ou inciden en materia sexual”, segundo explican os autores, quen destacan o valor cultural e social dun xénero que, a pesar de ser considerado menor, forma parte esencial da memoria colectiva. “Pagan a pena —sinalan— e mesmo paga a pena correr algún risco poñendo moitos deles por primeira vez en letra impresa nunha edición digna e coidada”.
O libro, elaborado con rigor e coidado, rescata expresións, historias e imaxinarios transmitidos de xeración en xeración, que amosan como a sociedade tradicional galega asumía e comprendía certos valores relacionados co desexo e coa sexualidade. Para os seus autores, esta recompilación é tamén “a plasmación do que fomos —ou somos—” e unha reflexión sobre unha cultura popular en transformación.