A división no movemento veciñal de Lugo reconfigura o panorama político local de cara a 2027

LugoXa
A creación de Lugo Rural Importa abre unha nova etapa na representación veciñal, con posibles efectos na política municipal e provincial
Fernando Rois Lucus Augusti
24 May 2025

A política local de Lugo vén de experimentar unha reconfiguración significativa a raíz das tensións dentro do movemento veciñal, que derivaron nunha escisión con implicacións directas no panorama electoral de cara ás municipais de 2027. A Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, presidida por Jesús Vázquez, foi unha entidade influente na vida cívica de Lugo, ata o punto de que en marzo anunciaron que superaran as 300 asociacións federadas.

Porén, en decembro, quen fora vicepresidente e voceiro da Federación Veciñal Lucus Augusti, Fernando Rois, presentou a súa renuncia aos cargos ao non sentirse identificado coa deriva do colectivo despois de varias tensións internas nos últimos anos publicamente visibles, e especialmente despois da celebración do Día do Veciño, onde se lle outorgou a distinción "V de Veciño" ao ministro de Transportes, Óscar Puente. Esta decisión xerou un profundo malestar entre diversas asociacións veciñais e sectores do Partido Popular local, que consideraron que Puente non contribuíra á cidade, especialmente en materia de infraestruturas.

Fernando Rois, que tamén presidía a Confederación Galega de Asociacións Veciñais (Cogave), expresou o seu desacordo coa decisión e, tras unha tensa reunión con Jesús Vázquez, presentou a súa dimisión. Rois argumentou que cría nun movemento veciñal diferente, polo que se creou unha nova plataforma veciñal: Lugo Rural Importa. Nun primeiro momento, Rois sostivo que non a ía liderar. Porén, recentemente a propia Federación anunciou que Fernando Rois asumía a voceiría de Lugo Rural Importa. Así, esta agrupación preséntase, aparentemente, como unha alternativa ao modelo de Lucus Augusti, e co obxectivo de reforzar a representación veciñal en toda a provincia, con especial énfase no ámbito rural.

Implicacións políticas de cara ás eleccións municipais de 2027

A escisión do movemento veciñal ten claras repercusións políticas e pode afectar aos futuros resultados electoriais, tanto a nivel local como a nivel provincial, debido ao numero de asociados que manexan ambas federacions. Así, parece que se intúen determinadas liñas ideolóxicas na directiva de ambas federacións.

Pola súa parte, a Federación Lucus Augusti, baixo a dirección de Jesús Vázquez, recoñeceu figuras socialistas que non acabaron de encaixar na filosofía da Federación, polo que se produciu a separación; mentres que Lugo Rural Importa, constituída en febreiro, incorporou na súa xunta directiva a Miguel Couto, asesor en materia urbanística da presidenta do PP e candidata á Alcaldía, Elena Candia. Ademais, na directiva figuran Cecilia Vázquez como presidenta; Antonio Abuín e Christian Fernández, que tamén forma parte do Partido Popular, como vicepresidentes; así como Fernando Mallo como secretario; e como vogais, Francisco Javier Burgo e Fernando Rois.

A fragmentación do movemento veciñal en Lugo reflicte unha crecente politización das asociacións de veciños, que pasaron de ser entidades centradas nas necesidades comunitarias a actores con influencia directa na política municipal. A creación de Lugo Rural Importa e a súa aliñación co PP, fronte a unha Lucus Augusti próxima ao PSOE, anticipa unha campaña electoral en 2027 onde o respaldo destas plataformas podería ser determinante para o resultado nas urnas.

Este escenario plantea interrogantes sobre a independencia do movemento veciñal e o seu papel na política local. A instrumentalización destas asociacións por parte dos partidos políticos podería desvirtuar a súa esencia e afastalas da súa misión orixinal de representar e defender os intereses da veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.14844489097595