A Domus do Mitreo acolle un coloquio internacional sobre os mitreos en espazos domésticos

O Museo Universitario A Domus do Mitreo reunirá os días 17 e 18 de setembro unha ducia de investigadores procedentes de universidades españolas e europeas para afondar nos mitreos situados en ambientes domésticos. A actividade, que comezará ás 9.30 horas do día 17, estará aberta ao público ata completar a capacidade do espazo.
Este coloquio forma parte das iniciativas conmemorativas polo 25 aniversario do descubrimento da Domus do Mitreo, un xacemento único que conserva un dos poucos lugares de culto dedicados a Mitra na Península Ibérica. Segundo explicou a directora do museo, a profesora Dolores Dopico, coordinadora do encontro xunto co catedrático da Universidade Carlos III de Madrid Jaime Alvar Ezquerra, os resultados presentaranse nunha monografía que aspira a converterse nunha obra de referencia sobre esta cuestión.
O programa arrincará cunha contextualización histórica sobre Mitra para, a continuación, analizar de maneira específica os mitreos en domus. Tamén se abordarán os casos documentados en Hispania e o estudo do culto doméstico e a súa materialidade, nunha proposta que se prolongará ao longo de dúas xornadas.