A Domus do Mitreo ofrece experiencias sensoriais a través de cheiros e sabores

LugoXa
Os obradoiros gratuítos ‘Cheiros e sabores da antiga Roma’ desenvolveranse a partir das 11.
20 Dec 2023

Os obradoiros gratuítos ‘Cheiros e sabores da antiga Roma’ desenvolveranse a partir das 11.30 horas os días 23 e 30 de decembro, 2 e 4 de xaneiro. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do número de teléfono 610 323 926 ou no enderezo de correo electrónico museomitreo.lugo@fundacionusc.gal.

O Museo Universitario A Domus do Mitreo ofrece na súa programación de Nadal experiencias sensoriais para coñecer a funcionalidade das súas dependencias a través dos sentidos, a través dos obradoiros gratuítos ‘Cheiros e sabores da antiga Roma’, unhas sesións abertas á participación do público interesado que se desenvolverán en quenda de mañá, a partir das 11.30 horas, os días 23 e 30 de decembro, 2 e 4 de xaneiro. As persoas interesadas en tomar parte nesta actividade que mestura divulgación científica e lecer deberá formalizar a súa reserva ou inscrición a través do número de teléfono 610 323 926 ou ben no enderezo de correo electrónico museomitreo.lugo@fundacionusc.gal.

O obxectivo destes obradoiros de Nadal pasa por ofrecer unha visión diferente da domus, a través de experiencias que poñen o foco en aspectos que normalmente non se poden tratar nas visitas guiadas. Daquela, ‘Cheiros e sabores da antiga Roma: Descubrindo a Domus a través dos sentidos’ pretende ser unha actividade interactiva e atractiva para o público visitante, que deberá enfrontarse ao reto que supón identificar cada estancia do xacemento arqueolóxico musealizado e a súa funcionalidade a partir dunha percepción sensorial.

“As persoas participantes deberán vincular o cheiro, sabor ou cor dos elementos e produtos dispostos sobre unha mesa (sal condita, lucerna, incenso, fariña, dátiles e muslum, loureiro, aceite, agua…) con cada unha das dependencias que acubilla a domus (culina, cubícula, mitreo, oecus, zona de traballo, impluvium, peristylum, termas…)”, explica a directora científica do Museo A Domus do Mitreo, a profesora da USC Dolores Dopico, quen precisou que as persoas visitantes recibirán na parte final de cada sesión cumprida información sobre a funcionalidade de cada dependencia da domus.

As catro sesións programadas durante as datas de Nadal presentarán unha estrutura de desenvolvemento semellante. Daquela, as persoas inscritas en cada un dos obradoiros recibirán nun primeiro momento unha breve charla informativa e explicativa sobre a actividade a realizar, ao tempo deberán cumprimentar un cuestionario ou ficha, cuxas solucións se coñecerán durante a visita polas diferentes áreas ou dependencias da domus que serve de colofón do obradoiro.

0.18540382385254