A DXT inicia unha campaña de control sobre distraccións ao volante

LugoXa
Realizaranse servizos de control e vixilancia do tráfico nas vías interurbanas por parte da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.
campana trafico distracions ao volante
9 Out 2023

Realizaranse servizos de control e vixilancia do tráfico nas vías interurbanas por parte da Agrupación de Tráfico da Garda Civil. Nas estradas da provincia, durante 2022, as distraccións interviñeron en máis do 45% dos sinistros mortais e o 26% de todos os accidentes con vítimas. No que vai de ano, tamén no 45% dos sinistros mortais.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, participou hoxe no inicio da campaña da DXT para o control especial sobre distraccións ao volante, un dos factores concorrentes nun 31% de accidentes mortais. Presentaron a campaña na nacional sexta, á entrada da cidade de Lugo, onde a subdelegada estivo acompañada polo tenente e xefe adxunto do subsector de Tráfico da Garda Civil, José Manuel López Santiso, así como o presidente da Asociación de Lesionados Modulares e Discapacitados Físicos ASPAYM, Francisco Javier Vieites e o vicepresidente da asociación, Manuel Vázquez.

Debido á alta porcentaxe de accidentes que se producen nas estradas convencionais e coincidindo coa ponte do Pilar, desde este luns 9 de outubro e ata o domingo 15 reforzaranse controis nos tramos máis perigosos coa presenza das patrullas integrais de motoristas da Agrupación de Tráfico da Garda Civil. Estarán equipadas con medios portátiles para realizar accións de control de velocidade e probas de detección de alcohol e drogas de forma automática sen necesidade de apoio dos Equipos de Atestados nin dos de control de velocidade.

Na provincia de Lugo, durante o ano pasado as distraccións ao volante estiveron presentes en 8 dos 17 sinistros mortais rexistrados en vías interurbanas, é dicir, máis do 45%, así como no 40% dos accidentes con persoas hospitalizadas e no 26% do total de sinistros con vítimas.

No que vai de 2023, en 4 dos 9 sinistros mortais rexistrados na estrada volveu a intervir este factor (45%, practicamente como o ano pasado). En canto ao total de sinistros con vítimas, a cifra tamén é elevada: un 37%.

Campaña

Esta campaña enmárcase dentro da Estratexia Española de Seguridade Vial 2030, de acordo cos parámetros da Axenda 2030, co obxectivo de reducir o impacto das condutas de maior risco mediante a aplicación das novas tecnoloxías, en particular, a vixilancia do uso do teléfono móbil.

Isabel Rodríguez fixo un chamamento á cidadanía para “alertar da importancia de centrar a atención na circulación, pois durante os últimos anos, os meses de outono adoitan ser a época con máis accidentes: 7 falecidos en 2019 durante o período setembro-decembro, 6 en 2020, 4 en 2021 e 6 en 2022”.

Así mesmo, explicou que “esta campaña é esencial para contribuír á redución de actitudes que poñen en risco a seguridade da circulación, así como as vidas dos condutores e condutoras”, agradecendo “o compromiso dos corpos e forzas de seguridade para detectar estas condutas irresponsables”.

Un 76% dos condutores españois recoñecen conducir o seu vehículo mentres están distraídos con certa frecuencia. O 23% afirma que realiza un seguimento de mensaxes de texto no seu móbil ao volante, e un 22% recoñece falar por teléfono sen o dispositivo en mans libres.

0.21213698387146