A edil luguesa Maite Ferreiro reúnese co presidente da Federación Galega de Bandas

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantivo un encontro co presidente da Federación Galega de Bandas. Nesta xuntanza, Ferreiro estivo acompañada por David Fiuza, director da Banda Municipal de Lugo, e compartiron propostas "para ampliar a programación cultural de Lugo coas actividades que nos propoñan desde a Federación Galega de Bandas".
Ferreiro explicou que a área de Cultura estudará as opcións para colaborar coa Federación Galega de Bandas e "consolidar a Lugo como unha das cidades galegas con máis actividade cultural ao longo do ano". A edil explicou que o Goberno de Lugo traballa para achegar a cultura a todos os públicos nos distintos espazos dispoñibles na cidade, cunha oferta variada e de calidade.
No ano 2024, as instalacións dependentes da área de Cultura acolleron 694 actividades culturais tanto nas principais instalacións - Auditorio Gustavo Freire, Vello Cárcere, MIHL - como en espazos diversos da cidade como o Círculo das Artes ou as múltiples actividades de rúa. "Isto danos que, de media, as persoas de Lugo puideron desfrutar cada día de case dúas actividades culturais, cunha oferta ampla e variada", afirmou Ferreiro, quen declarou: "para o 2025 seguimos a traballar en ampliar a oferta cultural de Lugo, contando tamén coas propostas de colectivos e asociacións".